Da man de Galicia Escoita, que promociona o festival, este ano pretende chegar a máis público cunha oferta máis ampla de grupos e estilos.
Tres días e tres noites de festicultura, este é o lema que dende hai tres anos vén cantando o Reperkusión de Allariz. Entre o 19 e o 21 de setembro, toda unha fin de semana para celebrar a sexta edición do festival alaricano.
A representante do Concello de Ourense Cristina Cid, Xurxo Seara da organización e máis o encargado do patrocinio Miguel Rumbao presentaron o xoves 18 en rolda de prensa a VI edición do festival no café Auriense. O evento que organizan Os Festicultores conta este ano con novidades interesantes no programa con respecto de edicións anteriores. Aínda que prevalece a orientación marcadamente galega da festa, dende a organización salientaron o esforzo que se fixo desta volta para que varios conxuntos e Dj's estatais e internacionais acudisen ao chamado do Reperkusión '08, como é o caso dos Delinqüentes ou os Dj's John Acquaviva e Troy Pierce.
Tamén haberá un novo servizo gratuíto de autobús para se desprazar entre a zona de acampada e os escenarios dos concertos, todo o día e toda a noite. Consulta o horario en pdf.
Máis estilos para chegar a máis xente
Ana Rumbao, responsábel da empresa que leva as tarefas de promoción, márketing e prensa do festival, La ballena que va llena, adiantou que nesta nova edición haberá máis presenza da música electrónica para chegar a un público máis amplo, posto que "son tres días e tres noites de actuacións sen pausa". Así é que, de feito, a última actuación do venres comeza ás 10 da mañá do sábado, e o mesmo acontece o domingo. "Os Dj's tocan toda a noite e parte da mañá, o último comeza a pinchar ás 10, mentres que e os obradoiros comezan xa as 12", di.
Recupérase o casco vello como escenario para os obradoiros e todas as actuacións de día, ás que se poderá asistir de balde. Unicamente hai que pagar os concertos do escenario do Campo de Vilanova (o prezo do bono depende dos días que vaias e do momento en que o merques) e o servizo de acampada. A Organización do festival chegou a un acordo có cámping de 1ª "Os invernadoiros de Allariz", polo que os asistentes ao festival só terán que pagar seis euros, estean o tempo que estean (dende o venres 19 até o luns 22 ás 12 da mañá).
Haberá obradoiros de monicreques con materiais reciclábeis; de percusión africana, ao que se pode asistir sen experiencia nin formación anterior e de malabares, á parte de ter lugar o VI encontro de Malabares, onde perto de 300 especialistas hanse xuntar desta volta no Reperkusión.
Chamados polo público de edicións anteriores
Os Dj's locais Yayo e John Axiom foron as últimas incorporacións ao cartaz "por aclamación popular". Ana Rumbao explicou que foron moitos os que quedaran contentos coa súa actuación na pasada edición e que pediran no foro do festival que os chamasen de novo.
Galicia Escoita
O festival vén no marco do novo proxecto Galicia Escoita impulsado por Fankani Produccións, La Fábrica de Chocolate e Heineken. Esta iniciativa de apoio á musica en directo engloba un conxunto de festivais consolidados que potenciarán a súa proxección cara dentro e cara fora da Galiza. Outros festivais apoiados por Galicia Escoita foron o Mar de Fondo en Noia, o Vibrasons en Pontevedra ou mesmo o SoneArte de Viveiro.