Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
DAVID ARCAY, CAMPIÓN ESTATAL DE PESCA

"En Galiza gañan os que teñen máis sorte, non os mellores"

O coruñés proclamouse por segunda vez campión estatal na categoría de salmónidos mosca xuventude, disputada o pasado fin de semana en Benasque.

Redacción - 09:30 15/09/2008
Arcay coa súa derradeira conquista

Arcay coa súa derradeira conquista

Vieiros: Como correu o campionato no que ves de proclamarte campón estatal tanto a nivel individual como por equipos?
O campionato estivo moi ben, celebrouse nun lugar fermoso, con auga cristalina. As troitas eran abundantes pero pequenas.

Tamén acadaches en Benasque a clasificación para o mundial júnior. Cales son os teus obxectivos de cara a el?

O obxectivo a nivel individual é facer podio, e por equipos sería un éxito repetir o terceiro posto acadado este ano. Foi un gran resultado, porque a República Checa leva dous equipos e xunto con Francia son as principais potencias. A ver como corre, pero polo estar no medio deles sería un gran éxito

Nesa cita remataches cuarto, por detrás de Eneko Lasa, que no estatal fixo un sétimo posto. A que se puideron deber estas variacións nas posicións?
Pois el non tivo en Benasque a sorte do mundial. No mundial repártense os pescadores dun equipo por sectores e a el tocáronlle os mellores, aínda que iso hai que saber aproveitalo, está claro.

Na pesca de salmónidos é onde Galiza acada os mellores resultados pero estes non se trasladan á categoría absoluta. Como explicas isto?
Os absolutos non acostuman facer moito porque o sistema de puntuación premia moito a sorte. En Galiza gañan os que teñen máis sorte, non os mellores. Competimos a só dúas mangas, e si fas unha mala xa quedas moi condicionado. Hai sitios como Catalunya nos que compiten até en 12 mangas. Estamos tratando de mudar isto, pero é moi difícil poñer a todos os clubes de acordo.

Cales son as túas perspectivas de futuro?
Pois nun principio vou disputar o mundial júnior e a clasificación para o mundial absoluto do 2010. O meu obxectivo é simplemente manterme no mellor nivel posíbel.

Entra nos teus plans á posibilidade de rematar vivindo da pesca deportiva?

É impensábel. Gañando o campionato estatal non consegues nada de diñeiro. Só hai axudas económicas nos mundiais si acadas medalla. Eu recibo unha axuda da deputación e outra da Xunta que me incluíu na listaxe de deportistas de elite. Fora de isto hai algún pequeno patrocinador pero de profesionalidade nada. Son axudas puntuais que non che permiten pensar en vivir de isto.


4,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: