O colectivo ACSUR organiza n'A Coruña unha exposición fotográfica e máis unha conferencia para dar conta da situación.
A delegación galega da asociación ACSUR organiza a mostra fotográfica 'Resistencias palestinas á outra banda do Muro', do 2 de setembro até o 26, na Casa Museo Casares Quiroga (Panaderas 12, A Coruña) e unha conferencia sobre a situación dos territorios ocupados o mércores 17 de setembro ás 20h. Na conferencia participarán Mohamed Safa, representante da OLP (Organización para a Liberación de Palestina); Xoán Gabeiras de Galiza por Palestina; a concelleira de Cultura d’A Coruña María Xosé Bravo e Dolores Queiro representando ao colectivo ACSUR-Galiza.
O que amosa a exposición
Dende o ano 2000 Israel demoleu máis de sete mil casas palestinas e derruíu parcialmente perto de 63 mil. Para a construción do Muro, os buldozers non dubidan en arrasar vivendas, comercios e escolas.
Na foto, tomada por un activista palestino da Campaña contra o Muro, un residente de Anata amosa os títulos de propiedade da terra onde vive. Detrás xacen os cascallos do que fora a súa casa horas antes da destrución.
O nove de xullo de 2004, o Tribunal Internacional da Haia exixiu a Israel que detivese as obras e destruíse os tramos levantados. Tamén sentenciaba que Israel reparase os danos causados polo Muro, indemnizando ás poboacións afectadas. Centos de miles de palestinos desexan que esta sentenza deixe de ser papel mollado.