Un estudo da Universidade de Harvard (Estados Unidos) revela que este alimento diminúe significativamente a concentración de esperma.
A semente de soia ofrece un alto valor en proteínas e considérase un dos legumes máis completos en todos os aspectos, xa que tamén aporta fibra, hidratos de carbono, graxas, vitaminas e minerais, ademais do seu alto contido en isoflavonas, que contribúen a reducir o risco de sufrir moitas enfermidades. Malia esta suma de efectos positivos, ao seu consumo vén de saírlle un importante efecto prexudicial: consumir media porción diaria de alimentos baseados na soia podería ter como consecuencia a redución do número de espermatozoides.
Así o certifica un estudo elaborado por un grupo de científicos da Escola de Saúde Pública de Harvard en Boston, que foi publicado pola prestixiosa revista científica Human Reproduction. Despois de investigar a un cento de homes entre os anos 2000 e 2006, concluíron que, se ben a cantidade de espermatozoides en cada individuo varía entre 80 e 120 millóns por mililitro, os que consumiran máis soia tiñan 41 millóns de espermatozoides por mililitro menos que os que non consumían ningún produto deste tipo. En suma, nalgúns casos o volume de espermatozoides quedou reducido á metade.
Ademais, os investigadores descubriron que a relación entre os alimentos de soia e o menor reconto de esperma era maior nos homes con sobrepeso, o que indicaría que as hormonas tamén xogan un papel importante. Consideran así que a menor produción de espermatozoides en homes obesos podería deberse a unha maior produción de estróxenos, o que sucede cando os niveis de graxa son elevados. Neste caso, o consumo de derivados de soia potenciaría o proceso.