O software, aínda en beta, xa conta co seu primeiro fallo de seguridade grave. A súa rapidez, o principal punto a favor.
Pasadas as oito do serán (hora galega) do martes 2, Google facía dispoñíbel o seu navegador Chrome, chamado a "revolucionar" a web. Porén, aínda se trata dunha versión beta e, polo momento, só para Windows. A compañía anunciou que "despois" se sacarán versións para Mac e Linux. Tampouco está en galego, mais si, por exemplo, en catalán.
As persoas que o probaron xa experimentaron a súa rapidez á hora de interpretar javascript, o seu principal punto forte. O resto das súas innovacións, cando menos a nivel externo, están na liña das novas versións en desenvolvemento dos principais navegadores.
E, como calquera software en beta, xa se atopou o seu primeiro fallo de seguridade grave. Chrome herda unha vulnerabilidade dunha versión antiga de Webkit, o motor que emprega para representar as páxinas web.
En todo caso, Google volveu triunfar no que se refire á transcendencia mediática. Medios de comunicación que raramente se ocupan de información relacionada coas novas tecnoloxías fixéronse eco do lanzamento.