Acusan á dirección de “intentar excluir a unha parte importante da organización da tomar de decisións”
A dirección do BNG quere que na vindeira Asemblea Nacional extraordinaria sexa a primeira con participación exclusiva de delegados. A cita prevista para o vindeiro 5 de outubro servirá para referendar o cabeza de cartel da formación nacionalista de cara as vindeiras eleccións galegas. Este venres, unha das correntes internas do Bloque, o Movemento pola Base (MpB) fixo pública ao modelo de asemblea que propón a Executiva e exixiu unha cita na que toda a militancia teña voz e voto. A semana pasada, o Econtro Irmandiño, que lidera Xosé Manuel Beiras, tamén pediu unha asemblea sen restricións de militantes.
Miguel Anxo Abraira, un dos representantes do Movemento pola Base no Consello Nacional do Bloque, anunciou a postura do colectivo nunha conferencia de prensa en Compostela. Na mesma, Abraira explicou que o procedemento que propón a Executiva “dificulta enormemente o acceso á condición de delegado xa que é preciso presentar listas que cubran o 25% dos delegados en cada comarca”. Segundo asegurou, esta obriga supón un atranco para toda a militancia que non está integrada en colectivos.
Abraira tamén sostén que as dificultades son aínda máis debido ao “axustado calendario” de cara a asemblea. Unha vez que Touriño descartou o adianto electoral, dende o MpB consideran que é preciso ampliar o prazo de convocatoria da asemblea para facilitar así o debate e a participación interna.
O Consello Nacional do BNG debaterá este sábado a proposta da dirección e ultimará os preparativos para a Asemblea Nacional. Dende a Executiva propoñen un sistema de participación baseado na delegación cunha proporción de un delegado por cada cinco militantes. Dende o MpB non aforrran críticas contra a dirección á que acusan de “intentar excluir a unha parte importante da organización da toma de decisións”.