Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANTONIO DEVESA, PLATAFORMA VECIÑAL DE MEREXO

"Agora será cando comece realmente a loita contra as piscifactorías"

Os veciños de Muxía afectados pola aprobación do plano acuícola advirten que acudirán aos xulgados para impedir a usurpación de 270.000 metros cadrados da súa costa.

Redacción - 12:00 29/08/2008

"Ningún dos conselleiros da Xunta coñece a realidade de Merexo nin se achegou a esta costa para comprobar a desfeita que veñen de aprobar". Así de contundente se amosa Antonio Devesa, o voceiro da plataforma veciñal desta zona de Muxía, que xa adianta que será agora cando comecen os atrancos para a ampliación da actual piscifactoría. O proxecto que a Xunta vén de aprobar para esta zona contempla unha extensión de 270.000 metros cadrados, que serán explotados pola empresa norueguesa Stolt Sea Farm.

Segundo explica este colectivo, entre o proxecto defendido polo anterior goberno popular para Merexo e o que se vén de aprobar non hai diferenzas, e mesmo as fotografías que acompañan a documentación son as mesmas. De aí a impotencia que sente a veciñanza, que despois das súas reiteradas protestas, xuntanzas e manifestacións non viron cambios de actitude por parte do goberno. O seguinte paso agora para a administración é a aprobación dos plans sectoriais de cada un dos 24 parques de acuicultura que comprende o novo plan. Comeza entón, di Antonio Devesa, unha loita máis individualizada, se ben os diferentes colectivos implicados (Oia, Corrubedo, Seráns, Quilmas, Arou, Camelle e Xove) seguirán a manter os seus contactos.

Vía xudicial
"A vía do diálogo non obtivo froitos, é agora tempo de ir aos xulgados". Con anterioridade, este colectivo xa interpuxera unha denuncia e un recurso pola vía do contencioso administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que fora admitida a trámite. Sen embargo, a contestación do alto tribunal foi que ata o momento non había delito que xulgar, mentres non se aprobase o plano acuícola. Os veciños comprenden que a parte boa da aprobación do proxecto, é que agora xa se pode actuar legalmente contra el. Neste sentido, os diferentes colectivos xa anunciaron que presentarán en breve unha denuncia ante a Fiscalía especial de medio ambiente do TSXG para que investigue a situación das 26 piscifactorías que xa operan no litoral. Segundo explican, estas plantas carecen do preceptivo permiso de verquido, xa que só contan cunha autorización provisional que, nalgúns casos fora concedida hai 18 anos. Neste sentido, o colectivo ecoloxista Adega tamén anunciou que tratarán de demorar a aprobación dos proxectos de explotación que agora deben de presentar as empresas concesionarias, co obxectivo de que as multinacionais perdan o interese en implantarse en Galiza.

Ademais, os veciños tampouco descartan acudir ante instancias xudiciais europeas, ante a afección que a ampliación do parque de acuicultura terá sobre a costa. En Merexo presentaron un proxecto alternativo á ampliación da granxa de rodaballo consistente na produción de cebola ecolóxica, unha iniciativa que xeraría uns 50 postos de traballo directos, e que xa ocupa a seis persoas na vila. "A administración terá entón que explicar porque dá prioridade á expropiación destes terreos para entregarllos a unha multinacional que degradará a paisaxe no canto de apostar por un proxecto sustentábel e respectuoso co medio ambiente", din os veciños.


Ligazóns

4,71/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: