Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
EDITADO POLO GOBERNO VENEZUELANO

Presentan o libro 'La Directiva del retorno. El fantasma de la xenofobia recorre Europa'

O Ministerio do Poder Popular para a Comunicación e Información (Minci), en coordinación co Ministerio do Poder Popular para a Cultura, presentou onte mércores 27 de agosto en Barcelona, estado Anzoátegui, o libro La Directiva de Retorno: El fantasma de la xenofobia recorre Europa, compilado por Mariadela Linares.

Redacción - 16:19 28/08/2008

No libro aparece unha escolma de artigos sobre o tema nos que destacan os de Evo Morales, Hugo Chávez, Fidel Castro e Rafael Correa, así como as posturas contrarias á directiva dos presidentes do Paraguai, Chile, Brasil e todos os países latinoamericanos. No libro de distribución gratuíta hai unha colaboración do responsábel da edición local Vieiros-Venezuela Xurxo Martínez Crespo co título El continente cínico ataca de nuevo. Europa contra la inmigración ilegal.

A presentación foi no Museo Anzoátegui de Barcelona, coa participación do viceministro de Cultura para o Desenvolvemento Humano, Iván Padilla Bravo; segundo nota da Agencia Bolivariana de Noticias (ABN).

A coordinadora da Oficina de Información Región (OIR) Nororiental, Tania González, manifestou que o libro, editado polo Minci, recolle en 129 páxinas o rexeitamento de presidentes, ministros de exteriores e representantes latinoamericanos á directiva de retorno.

Explicou que se inclúen exposicións do presidente da República Bolivariana de Venezuela, Hugo Chávez Frías; o presidente de Ecuador, Rafael Correa; o presidente de Bolivia, Evo Morales; e o líder da Revolución Cubana, Fidel Castro.

González sinalou que a obra, foi previamente presentada nos estados Lara, Zulia, Nueva Esparta, Carabobo, Táchira, Falcón e Portuguesa, antes de chegar a Anzoátegui.

A Directiva de retorno de inmigrantes ilegais, aprobada o 18 de xuño deste ano polo parlamento Europeu, estabelece a retención por 18 meses de todo inmigrante irregular e a repatriación das menores de idade, baixo titoría de terceiras persoas.


Ligazóns

3,5/5 (8 votos)