O festival máis pop de Ponte Caldelas, a recreación medieval da vila de Ribadavia, o Filispín de Ferrol e máis o Rebumbio, a vindeira fin de semana.
Festa da Istoria (Ribadavia, Ourense)
Esta festa lembra cada ano a historia da vila e a súa comarca achegando as tradicións e vivencias nunha recreación medieval das culturas, relixións, castes sociais e e oficios.
A festa, que comeza este xoves 28 de agosto contará cun mercado artesanal, o I concurso de pintura rápida na rúa, espectáculos de música e malabares, un xadrez vivente, bailes medievais, a representación dunha voda xudía, mostras de cetrería e esgrima medievais, á parte de actuacións de bandas de gaitas, carreiras de pipotes e exhibicións de tiro con arco. A festa durará até o domingo 31.
Para os máis pequenos haberá xogos tradicionais, monicreques e contacontos. Consulta todo o programa na web do festival festadaistoria.com.
Lolapop (Ponte Caldelas, Pontevedra)
O venres 29 de agosto vai ter lugar o festival Lolapop de Ponte Caldelas, como vén sendo habitual, na última fin de semana de agosto coincidindo coas festas das Dolores.
O Lolapop é un festival de música pop que organiza Ernie Producións co apoio do Concello de Ponte Caldelas.
Os grupos confirmados do cartel do Lolapop 2008 son Lori Meyers, Niños Mutantes, Manos de Topo, Jugoplastika, Delorean e Niño y Pistola. Russian Red actuará na festa de presentación.
A Todo Filispín (Ferrol)
O vindeiro sábado 30 de Agosto celebrarase a V edición do Festival A todo Filispín. Por razóns alleas á organización, a produtora RUN-RUM Axencia, este ano o festival quedou fóra do programa de festas oficiais de Ferrol, polo que decidiuse realizalo con medios propios e lonxe do seu espazo habitual, o parque Raíña Sofía.
O sábado 30 de agosto na Sala Run Rum de Ferrol ás 21,30h. haberá actuacións de Rockers go to hell e Samesugas, á parte dunha sesión do dj. Alfonso Ratinho. Desta volta o tique para os concertos custará 10€ con dereito a unha consumición.
Festival Rebumbio (Mós, Pontevedra)
A Asociación Xuvenil Rebumbio celebra un ano mais o Festival Rebumbio 2008. A edición deste ano será no monte do Reboullón, en Tameiga-Mós, e comezará o venres 29 de agosto coas actuacións de Troula Gaiteira e Os veraneantes. O sábado 30 tocarán Os Chiquilicuatres, Ultraqäns, La Vaga Banda e O Sonoro Maxín. Entrada de balde.