De entre as corenta propostas recibidas, o xurado do Premio Ramón Piñeiro na súa sétima edición optaron desta vez polo galeguista Avelino Pousa Antelo. Este galardón foi recibido anteriormente por Isaac Díaz Pardo, Luis Tosar, Milladoiro, Xosé Manuel Beiras, Xosé Neira Vilas e A Nosa Terra. As credenciais de Pousa Antelo non son tampouco nimias, xa que xa conta con outros recoñecementos como a Medalla Castelao ou a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago que premian o seu labor.
Este galardón, que non conta con dotación económica, está promovido pola Asociación Val de Láncara, co apoio doutras entidades e asociacións. No seu ditame o xurado valorou " a entrega permanente ao país como galeguista, docente, cooperativista, escritor, político e animador cultural a prol de Galiza" e entendeu que a figura e traxectoria de Pousa Antelo cumpre as condicións do premio, que pretende recoñecer o labor desenvolvido por unha persoa ou unha entidade a favor de Galiza.
Avelino Pousa Antelo naceu hai 94 anos en A Baña, se ben agora reside no municipio de Teo. Ademais de publicar diversos libros como "Galicia, tarefa urxente" ou ser coautor de "Conversas con Pousa Antelo: memorias dun galego inconformista", tamén foi secretario xeral e presidente do Partido Galeguista dende 1978 ata 1983. Ademais, foi un dos fundadores e actual presidente da
Fundación Castelao.
O acto de entrega do galardón celebrarase en Láncara previsiblemente no mes de setembro, cando se realizará unha comida na honra do premiado.