Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ghaleb Jaber Martínez, comisario de AMAL

"O deterioro da cultura é a causa da radicalización das ideoloxías"

Entrevista aos responsábeis do Festival de cine Euro Árabe AMAL, un proxecto senlleiro de intercambio entre culturas.

Redacción - 12:15 30/08/2008

Ghaleb Jaber Martínez, comisario do Festival de Cine Euro Árabe AMAL, presenta as últimas novidades desta VI Edición que vai ter lugar entre o 25 e o 31 de outubro de 2008. O fillo do ideólogo desta iniciativa cada vez máis consolidada fala con Vieiros do panorama actual do audiovisual árabe, moi relacionado coa situación política e relixiosa dunha sociedade tan ampla como descoñecida.

Canto hai de diferente ou canto de semellante entre a sociedade galega e a comunidade árabe?
A situación social real no mundo árabe depende do país, como é lóxico, porque é unha comunidade moi grande, pero tamén hai que vela caso por caso e casa por casa. Por exemplo, as mulleres da miña familia en Palestina teñen interiorizados os condicionamentos da súa cultura e da relixión musulmá e, como as mozas de aquí saben que deben saír da casa aseadas e peiteadas, as de alí saben que teñen que saír con veo. Pero nunca na vida vin a ningún home da miña familia dicirlles a elas o que tiñan ou non tiñan que facer.
Penso que as producións que forman parte da escolma desta edición son próximas aos galegos a pesar da distancia entre sociedades, e comprensíbeis, porque en realidade todas son historias humanas.

Como ve o panorama audiovisual no mundo árabe hoxe?
Ás veces o problema non é tanto a liberdade para crear que poidan ter alí como a posibilidade de que as producións cheguen a nós, porque non é raro que non as deixen saír do país para seren emitidas no estranxeiro. Pero cada vez vese máis un salto cualitativo no cinema árabe, e non faltan documentais controvertidos ou arriscados, como un que emitimos na pasada edición sobre a homosexualidade no mundo musulmán.

Como se posiciona AMAL con respecto aos réximes políticos dos países participantes no festival?
Nós pensamos que o deterioro económico, social e cultural, a pobreza en definitiva, é a causa da radicalización das ideoloxías. Dende AMAL non apoiamos ningún réxime ou política represiva, só queremos achegar a realidade árabe dende Galiza a todos os galegos.


O seu pai, Ghaleb Jaber Ibrahim, presidente da Fundación Araguaney, ideou este proxecto hai seis anos para colocar Galiza como unha fiestra no muro de pedra que separa a sociedade árabe do resto do mundo. Jaber, coñecido mecenas do patrimonio artístico-cultural árabe e galego, explica a Vieiros cal foi o motivo que o levou a mergullarse de xeito tan persoal neste intercambio entre culturas.

Como deu en idear esta iniciativa?
O problema das sociedades vén cando quedan enquistadas ou illadas do que acontece noutras partes do mundo. Comecei este proxecto hai seis anos porque penso que todo o que sexa comunicar cultura é un paso máis para achegar as sociedades e as persoas. Galiza, á parte doutros condicionamentos económicos, atópase illada doutras partes do mundo pola súa situación xeográfica e pensei en organizar o festival coma ponte entre a cultura árabe e a latinoamericana, para colocar a Galiza como unha fiestra aberta no muro que separa o mundo occidental do árabe, dende a que poder mirar e ser vista.

Os comezos foron difíciles?
As trabas de hai seis anos para min non eran tales. Cando fas as cousas con ilusión, ao final os atrancos supéranse.


TVG,  Medio Oficial do Festival

Na rolda de prensa que convocou o Festival Internacional de Cine Euro Árabe AMAL estiveron presentes o director xerente da Televisión de Galicia e Ghaleb Jaber Martínez, comisario do festival. Na reunión deron conta das novidades desta VI edición da mostra.

Os novos acordos entre o festival e a CRTVG, que han ser asinados próximamente polo director xeral da Corporación, céntranse en dous aspectos. En primeiro lugar amplíase o palmarés de premios outorgados ás producións que compiten no festival, co novo Premio Televisión de Galicia á longametraxe documental ou de ficción, adquirindo o ente público os dereitos de emisión da obra galardoada, que encaixará na franxa específica destinada ao cine de autor. O evento contará cun incremento nas contías económicas do resto de galardóns, de xeito que a mellor longametraxe de ficción percibirá 5.000 euros e o mellor documental 3.500.

Pola outra banda, TVG confírmase como Medio Oficial do Festival AMAL 2008, nun acordo escriturado froito do interese persoal de Eduardo Galán, o director de programación da cadea pública. Dende agora, TVG apoiará a difusión do Euro Árabe AMAL dando conta del na súa programación e emitindo as producións procedentes do Fesival, como vén sendo habitual, en versión orixinal subtitulada ao galego.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ghaleb Jaber Martínez e Xesús Iglesias, director de TVG
Ghaleb Jaber Martínez e Xesús Iglesias, director de TVG
Ghaleb Jaber Ibrahim diante dun fresco de Quintana Martelo
Ghaleb Jaber Ibrahim diante dun fresco de Quintana Martelo