Os galardóns que outorga Deutsche Welle estiveron caracterizados até agora polo protagonismo de internautas galegos.
O domingo 31 comeza a primeira fase da quinta edición dos premios The BOBs (Best of the Blogs), considerados os Oscar da rede. Para aspirar a gañar o certame, que convoca Deutsche Welle, é preciso inscribirse. Despois, serán un xurado e mais os internautas os que decidan quen recibe os galardóns.
Ademais de premiar o mellor blog, tamén haberá distincións para podcast, videoblog, e concederanse os premios Reporteiros sen Fronteiras, Blogwurst e dez aos máis salientábeis nos idiomas máis estendidos na rede.
As anteriores edicións dos BOBs xa tiveran protagonismo galego, cos premios que recibiron o coruñés Nacho de la Fuente, con La huella digital; o betanceiro Juan Varela, con Periodistas21, e a veterana María Amelia.