O Concello de Vilagarcía pide "a maior dureza posíbel" e a Consellaría de Medio Ambiente avisa de que a contaminación do río implicará elevadas sancións.
Río do Con / Flickr: Edurecio
As sancións pola contaminación da canle fluvial do Río Con, no municipio de Vilagarcía de Arousa, causada por vertidos denunciados esta semana polos veciños onte, pode ascender a uns 60 mil euros. Confirmárono este martes o presidente de Augas de Galicia, Xurxo Antonio Santiso; e o delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente, Xoán Francisco Froján, nunha comparecencia ante os medios no propio Concello de Vilagarcía para avaliar os danos causados e informaren das medidas adoptadas para recuperar o leito fluvial.
Ao respecto, os exames realizados por técnicos de Medio Ambiente e de Augas de Galicia, sinalaron que o punto onde se iniciou da vertedura non se localizaría na desembocadura do río, como se apuntou nun primeiro momento, senón nun punto máis alto da canle fluvial. Esta hipótese fundaméntase en que o vertido esténdese até dous quilómetros arriba até a confluencia do Con co río Leiro, que é onde se estabelece o foco de procedencia.
Aseguraron ademais que, malia que o leito fluvial quedou arrasado e morreron todos os peixes, a contaminación non chegará á Ría de Arousa. Anunciou, ademais, que nun prazo máximo de dous días podería determinarse que empresa provocou o suceso. A última hora do martes informouse de que a empresa fora xa identificada, estremo aínda non confirmado oficialmente.
O concelleiro de Xestión do Territorio de Vilagarcía, Marcelino Abuín, pediu que se actúe "coa maior dureza posíbel" contra os infractores e anunciou que o Concello de Vilagarcía se presentará como parte acusadora unha vez que se localice ao causante do desastre ecolóxico. Segundo Abuín, o río non recuperará a normalidade até finais de ano. O voceiro municipal estimou que aínda é pronto para avaliar os danos económicos, e engadiu que os ambientais son "cuantiosos", dado que morreu toda a fauna que formaba parte do hábitat natural do Con.