A asociación conmemora a sinalada efeméride con dous días de concertos e un pregón a cargo de Rivera Arnoso, ex alcalde do concello.
María Manuela, As dúas, A Quenlla, Bellón e Maceiras, O Leo... A música non parará en Maniños dende o sábado á noite até as últimas horas do domingo. A Romaría do Pote, organizada na parroquia fenense pola sociedade cultural e recreativa do mesmo nome, cumpre 75, e celébrao con 24 horas de actividades, nas que os concertos, de todos os estilos, serán os protagonistas.
Ademais da música, o que foi alcalde de Fene entre 1979 e 2005, Xosé María Rivera Arnoso, lerá o pregón da festa o domingo ao mediodía, xusto antes de que actúe María Manuela. Pola tarde do domingo, o folc será o protagonista, coas actuacións de A Quenlla, Bellón e Maceiras e as novísimas acordeonistas As dúas.
A primeira Romaría do Pote tivo lugar o 17 de setembro de 1933. Naquela ocasión actuou o grupo Toxos e Flores de Ferrol, que inaugurou o palco do campo da festa de Maniños. Máis tarde os asistentes trasladáronse á casa do doutor Borrás, onde se izou a bandeira republicana e lle ofreceron unha recepción.