O padexeiro do Morrazo non fixo unha boa saída, pero conseguiu arrepoñerse para loitar polo ouro co húngaro Attila Sandor Vajda que rematou distanciándose nos últimos 250 metros.
Cal coa medalla de prata
David Cal non puido repetir o ouro acadado de Atenas no C-1 1000 metros, e tivo que conformarse coa medalla de prata por detrás do actual campión mundial da distancia, Attila Vajda. Os dous padexeiros pasaron mal colocados polo primeiro control, situado aos 250 metros. A partir de entón, comezaron a remontar posicións ata pasar polo terceiro parcial en disposición de repartir entre eles o ouro.
Desde ese momento o húngaro distanciouse de Cal, que rematou 2.284 por detrás. A vitoria de Vajda baseouse na regularidade, xa que a diferencia entre os seus tempos intermedios foi de apenas 14 centésimas, fronte a un irregular Cal que foi empeorando o seus tempos intermedios en todos os parciais para rematar en 3:52.751, máis de seis segundos por detrás da marca coa que se fixo co ouro en Atenas.
Cal chegou a esta final despois de acadar a clasificación directa nas series do pasado luns, onde se impuxo con comodidade aos seus rivais dando sensación de clara superioridade.
Temos unha nova cita co padexeiro de Hío o sábado 23, a partir das 09:45, na final do C-1 500, distancia na que é especialista, polo que agardamos para entón a súa segunda medalla en Beixín.