Critica, entre outros contidos do acordo, que se lle dea prioridade á creación dun Servizo de Normalización Lingüística.
A rexedora de Mos
O edil do PSdeG de Mos Xerardo Alonso Porto abandonou o goberno local debido a diferenzas co pacto asinado entre os socialistas e mais o BNG a finais do pasado mes de xullo.
O número dous do partido na localidade viguesa confirmou esta quinta feira a súa renuncia ao PSdeG. No entanto permanecerá na política municipal, exercendo dende o grupo dos non adscritos.
Alonso considera que con este acordo de goberno "non se defenderon os intereses dos veciños de Mos". Lamentou neste senso que aínda que "todo é necesario" no documento non se atenden prioridades como, segundo el, a creación dun Consorcio de Emprego.
Así, criticou, entre outros contidos do acordo, a creación dun Servizo de Normalización Lingüística "cando un informe de Secretaría di que antes que iso se deben potenciar departamentos como Urbanismo ou Medio Ambiente".
"Escusas", di a alcaldesa
O concelleiro participou en marzo na primeira mesa negociadora para un pacto local entre socialistas e nacionalistas que non chegou a callar. Porén, segundo afirmou, cando se retomaron os contactos se arredou das conversas dado o seu desacordo con moitos aspectos do pacto.
A alcaldesa socialista de Mos, María Xesús Escudero, mostrouse "sorprendida e decepcionada" polo acontecido, e considerou que as razóns esgrimidas por Alonso son "escusas" xa que "o pacto non gusta a ningún", en referencia ás cesións que tanto o PSdeG como o BNG realizaron.