Avantaxan en tres puntos aos australianos, oito aos arxentinos e dezaseis aos alemáns. Semella estar perto a primeira medalla galega en Beixín.
Paz e Echávarri competindo
Os galegos chegan á regata final como a parella con máis vitorias, empatados cos arxentinos que ocupan o terceiro lugar da clasificación xeral. A segunda posición é para os australianos Bundock e Ashby a tan só tres puntos de distancia. Os australianos, actuais líderes do ranking mundial, están baseando a súa actuación na regularidade, e aínda que só gañaron unha das 10 regatas disputadas foron sempre os principais rivais dos nosos regatistas.
Este xoves 21 celébrase a "Medal Race"
O sistema de puntuación da Clase Tornado consiste en ir sumando tantos puntos como a posición ocupada en cada unha das regatas. Ao final das dez regatas súmanse as puntuacións acumuladas, e cada parella ten dereito a descartar o seu peor resultado. Este é o punto no que nos atopamos agora, a falta só da "Medal Race", onde as puntuacións son dobres. Así as cousas, Antón Paz e Fernando Echávarri chegan á regata definitiva con serias posibilidades de acadar unha medalla, e incluso o primeiro ouro galego destes Xogos Olímpicos.