Facendo parella co catalán Saúl Craviotto, Carlos Pérez 'Perucho' conseguiu a clasificación para a final do sábado.
Atendendo á traxectoria dos competidores, húngaros e bielorrusos debúxanse como probábeis aspirantes a repartírense ouro e prata na final do próximo sábado 23 no K2 500.
Aló estará a embarcación pilotada a catro brazos polo galego Carlos Pérez e o catalán Saúl Craviotto, que confían pegar o salto ao podio. Este martes clasificáronse segundos na súa serie, onde os tres primeiros tiñan pase directo á final, e mesmo foron quen de superar a parella húngara. O dúo galego-catalá chega á cita do sábado co que de momento é o terceiro mellor tempo da especialidade, só superados por bielorrusos, vencedores na mesma serie, e polos alemáns, os mellores na serie anterior.