Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AGARDANDO A QUE TOURIÑO MOVA PEZA

O BNG apura as súas accións de goberno cos ollos postos no adianto electoral

Os nacionalistas teñen previsto celebrar unha asemblea nacional extraordinaria o 4 e 5 outubro para elixir candidato á presidencia da Xunta.

Redacción - 19:00 18/08/2008

Agosto, lonxe da súa tónica habitual, está a ser un mes prolixo en noticias políticas. Mentres que non para de falarse dun inminente adianto electoral, as forzas políticas semellan corroborar estas teses con continuos movementos tácticos. O último produciuse este mesmo luns. O BNG reuniu ao seu máximo órgano de dirección, a Executiva Nacional, para anunciar posteriormente un paquete de medidas para minimizar os efectos da cada vez máis palpábel crise económica.

Coa posta en escena deste luns, o Bloque semella querer advertirlle aos seus socios de goberno que non vai permitir que un adianto electoral aborte iniciativas nas que se leva traballando tempo. Mais á vez os nacionalistas intentan deixar patente diante da opinión pública que hai percorrido para as tarefas executivas e que a crise pode combaterse en clave galega.

Sen dúbida, un dos asuntos que o Bloque quere ter resolto antes dos comicios é o das concesións eólicas. Os de Anxo Quintana aseguran que antes de que finalice o ano terán resolto o concurso empresarial, á vez que afirman que o plano eólico vai ser decisivo para dinamizar sectores estratéxicos xa que se van mobilizar perto de 5.000 millóns de euros en investimentos.

Preparativos para escoller o candidato á presidencia
Pero máis aló dos anuncios, os dirixentes do BNG falaron a porta pechada do previsíbel adianto electoral. A falta de confirmar se finalmente Touriño vai fixar os comicios para este outono, a organización nacionalista prepara un conclave para escoller ao seu candidato á presidencia da Xunta.

Os documentos internos contemplan que a Asemblea Nacional teña lugar na primeira fin de semana de outubro. Porén, aínda non se decidiu se participarán na mesma todos os afiliados ou se será por delegados. O que si semella seguro é que na asemblea extraordinaria non haberá unha revisión das teses políticas. Esta última tarefa queda adiada para o vindeiro ano.

De todos os xeitos, os dirixentes nacionalistas son conscientes que o adianto electoral pode obrigar a variar todo o calendario. Incluso hai quen opina que se as eleccións son a finais de outubro “imos andar moi xustos” para sacar adiante a asemblea extraordinaria. Tampouco hai quen descarta que chegado ese caso sexan os membros do Consello Nacional os que voten polo candidato.


4,56/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: