O IPC experimenta unha redución con respecto a xuño, pero a inflación anual ascende até o 5,6%.
Sete décimas baixaron os prezos en Galiza no pasado mes de xullo, unha baixada que supera a experimentada polo Estado español, onde os prezos tamén descenderon, pero en menor medida, 5 décimas. Os prezos baixaron en todos os territorios, agás en Baleares, onde subiron o 0,1%. Este descenso xeral débese, en gran parte á tempada de rebaixas, que foron especialmente agresivas para facer fronte á baixada no consumo. Mentres, a inflación non rexistrou cambios nos sectores do transporte e carburantes, ao tempo que a subida nas tarifas eléctricas contribuíu á esta tendencia inflacionista. Tamén se encareceron os prezos do consumo vencellados coa vivenda, o ocio, os alimentos e as bebidas non alcohólicas.
Se analizamos o IPC anual, en Galiza a subida rexistrada chega ata un 5,6%, dato que si está por enriba dos 5,3% que rexistra o ámbito estatal. A ralentización no ritmo de crecemento non consegue, de momento, frear a escalada de prezos que está a sufrir a nosa economía. De feito, a taxa interanual chega nesta estatística ata as súas cotas máis altas dende o ano 1992.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de publicar tamén os datos definitivos do Índice de Prezos ao Consumo Armonizado, medido ao mesmo xeito que no resto dos países da zona euro, que como o índice xeral baixou no conxunto do estado cinco décimas mensuais, acadando unha taxa interanual do 5,3%.