Marky Ramone e os Cynics, lendas vivas que fecharán cinco días de concertos.
Dende este martes a vila de Viveiro énchese de moita boa música nunha nova edición do festival SoneArte, que abranguerá un feixe de espectáculos entre o 12 e o 16 de agosto. As actuacións serán na praza Pastor Días e no campo municipal de fútbol. Na última noite actuarán prebostes do rock'n'roll como Marky Ramone ou os Cynics.
Por Viveiro ha pasar un cartaz do máis ecléctico con actuacións para todos os gustos e estilos. Serán cinco noites musicais consecutivas -do 12 ao 16 de agosto-. Os emblemáticos Fórmula V farán as honras de apertura desta nova edición do Son e Arte de Viveiro o martes ás 22 horas.
No mércores día trece, conxuntamente con La Shica, destaca a presencia do catalán Albert Plá, o cantautor punk de longa traxectoria. Quique González, autor de "Avería e redención", actuará na noite do xoves catorce. Para o quince, venres, ha actuar o vigués Iván Ferreiro. O antigo líder de Los Piratas ven de percorrer dende hai algún tempo a súa carreira en solitario na música pop.
Xa a última noite han vir a Viveiro The Cynics, a mítica banda norteamericana formada nos anos 80, que segue a ser unha lenda viva do garage-punk. Pero as atraccións do sábado dezaseis de agosto non rematan nos Cynics, posto que Marky Ramone voltará á Galiza, logo de se pasar por aquí o pasado xullo no festival Cultura Quente de Caldas. O surf dos madrileños Los Coronas e o rock dos vigueses The Blows completan o cartaz para este Son e Arte 2008.
Como o Concello de Viveiro asume a organización do festival, e a Fábrica de Chocolate a produción, para asistir a todos os concertos bastará desembolsar cinco euros. O bono estará á venda no concello e máis na oficina de Turismo de Viveiro.