Os científicos critican que nas cimeiras sobre o cambio climático non se faga distinción entre unhas zonas forestais e outras. Facelo sería un gran avance contra o quentamento global.
Os bosques virxes, non tocados polo ser humano, absorben entre o 40 e o 60 por cento de dióxido de carbono (CO2) máis que as explotacións forestais usadas para comerciar coa madeira, ou empregadas como monocultivo. Isto é o que conclúe un estudo divulgado esta cuarta feira pola Universidade Nacional de Australia.
Os investigadores desta Universidade estudaron os bosques australianos e chegaron á conclusión de que a cantidade media de CO2 almacenada nos bosques naturais de eucalipto é de perto de 640 toneladas por hectárea, moi por riba da cifra que facilita O Panel Intergobernamental para as Alteracións Climáticas (IPCC, sigla en inglés) para os bosques temperados, que está en 217 toneladas por hectárea.
Alén disto, os bosques virxes gardan o CO2 por máis tempo e son menos vulnerábeis do que as explotacións forestais ás pragas, doenzas e ás alteración climáticas, xa que teñen unha diversidade xenética máis ampla do que estas.
"Protexer os bosques virxes é unha necesidade"
Os científicos autores deste estudo critican, ademais, que nas cimeiras internacionais nas que se trata o tema das mudanzas do clima e do quentamento global, fálase das árbores como principais sumidoiros do nocivo CO2, mais non se fai unha distinción entre uns bosques e outros. Neste sentido, Brendan Mackey, un dos autores do estudo, defende que os gobernos e as axencias internacionais deberan protexer os bosques naturais, os virxes, como parte importante das medidas para resolver o problema das alteracións climáticas.
"Protexer os bosques virxes do planeta deixou de ser unha opción, é unha necesidade", dixo Mackey, citado nun comunicado da Universidade. "Se estes bosques seguen a ser abatidos, o CO2 liberado vai aumentar significativamente as concentracións de gases con efecto invernadoiro na atmosfera", acrecentou.