O deputado nacionalista opina que a actual situación é consecuencia da aposta política do anterior goberno do PP "a prol do incremento da produción mexilloeira chilena".
Quéixase o voceiro parlamentario do BNG na área de Pesca, Bieito Lobeira, da política de investimentos públicos de Galiza a prol da produción mexilloeira foránea "ao amparo dunha ideoloxía globalizadora que non ten marcha atrás". Unha estratexia da que acusa ao departamento de Pesca do anterior goberno do PP. As importacións de mexillón conxelado de Chile teríanse multiplicado por vinte en só seis anos, estabelecéndose ademais na actualidade unha competencia "desleal" co produto galego.
De paso que pide a investigación dos datos de importación de mexillón nos dous últimos anos, Lobeira solicita que o actual Goberno despregue medidas de protección para o sector. O deputado do Bloque indica que é necesario adoptar e intensificar "medidas de control estrito das importacións, incluído o sanitario, de identificación da orixe e distinción no mercado", iniciativas que considera imprescindíbeis para a defensa do sector produtivo en Galiza.
Lobeira rexistrou unha pregunta parlamentar na que se interesa polas medidas que o Goberno pensa pór en marcha para defender a produción galega e controlar as importacións.