Seis rapaces de entre oito e trece anos interpretarán aos seis protagonistas da adaptación cinematográfica.
Os seis rapaces protagonistas da longametraxe infantil “A casa da luz” veñen de ser presentados na mañá do martes 5 no Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI). A adaptación da novela de Xabier Docampo ha ser levada ao cinema polo produtor Xosé Xoan Cabanas Cao e o director Carlos Amil.
“A casa da Luz” será unha das primeiras longametraxes de imaxe real para nenos que se realizan en Galiza e estase a rodar íntegramente en galego.
Agustina Bentos, Sheila Carbia, Jorge Taboada, Javier López, Claudia Peña e Antón Sampedro interpretarán no filme a Alicia, Alba, Amadeo, Álvaro, Lucrecia e Anxo, o grupo de amigos sobre os que xira o argumento. Os nenos, que foron seleccionados nas probas de reparto que se levaron a cabo en centros de ensino de todas as provincias galegas, inician o proxecto sen formación actoral previa, xa que, segundo explica Carlos Amil, o filme está deseñado como un xogo “e todos os nenos saben xogar”.
Os rapaces, que teñen entre 8 e 13 anos e veñen de diferentes localidades galegas (Monforte, A Coruña, Santiago, A Estrada e Ordes), coincidiron en amosarse ilusionados coa película, e aseguran estar aprendendo moito. Todos pensan en dedicarse a interpretación no futuro.
A equipa artística complétase con actores galegos xa coñecidos como Gustavo Pernas, Xosé Manuel Oliveira, Susana Dans, Antonio Mourelos, Cándido Pazo, Xulio Lago ou Camilo Rodríguez.
A novela
"A casa da luz" narra as andainas dun grupo de nenos empregando como fío condutor a desaparición dun amigo nun mundo descoñecido e misterioso. Segundo explica o seu autor, Xabier Docampo, trátase dunha literatura moi cinematográfica, posto que A casa da luz "inicialmente era un argumento pensado para un guión de cine pero, como o proxecto non foi para adiante, convertiuse nunha novela”.
A adaptación cinematográfica foi realizada por Carlos Amil e Xosé Xoán Cabanas Cao, que coinciden en cualificar o proxecto como unha película “fantástica”, pero non de fantasía, na que o público obxectivo, os nenos, serán tratados "como espectadores intelixentes".
O director
“A Casa da Luz” será a segunda película de Carlos Amil, que se estreou na dirección co filme Branca Madison (2003). "Un dos maiores alicientes deste novo proxecto é que se trata dunha película de aventuras dirixida a todos os públicos, e tamén que partimos da adaptación dun texto de Xabier Docampo", asegura.
Rodaxe
A rodaxe do filme comezou fai algo máis de tres semanas en Baio. Alí grabáronse boa parte dos exteriores da película e algunha das escenas máis relevantes do filme, para o que se contou con un espacio privilexiado, a carballeira de Baio, e un especial decorado, un antigo barco pesqueiro levado dende Betanzos, o "Antonio Manuel" que serve no filme como vivenda dun dos personaxes da historia.