Máis de 400 grupos musicais de toda Galiza ensaian xa nos 16 locais en funcionamento. A nova web da Rede ofrece todo o que precisan, mesmo un espazo propio.
Nsaio é un programa creado pola Dirección Xeral da Xuventude para habilitar locais de ensaio para os novos grupos musicais por Galiza adiante (arestora, hai locais dispoñíbeis en Arzúa, Betanzos, Boiro, Vigo, Carballo, Lalín, Monforte, Mugardos, Pontedeume, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Ribas de Sil, Santiago, Tui e Vilagarcía de Arousa, mais están a se construír varios novos).
Un foro de encontro e intercambio de experiencias na rede
Ademais de darlles un lugar onde tocar, ensaiar e compoñer, Nsaio fornece as bandas emerxentes do país dun sitio, na rede, onde promocionarse, pactar concertos, atopar un batería ou un cantante, e facer público todo o material que desexen.
A web de Nsaio acaba de aparecer na internet cunha parte específica para os grupos, unha microweb que cadaquén pode encher co que desexe, aínda que o que se leva é unha biografía do grupo (con descrición do tipo de música que fan incluída) e unha parte co contacto, por se xorde algún concerto polo mundo. Mais tamén se poden subir vídeos ou arquivos en mp3 para a súa escoita ou descarga. Até o de agora están a gozar de páxina propia na web os Kastomä, de Ordes; Som do Galpom, de Ames; Berros do Castro, de San Sadurniño; Coanheira, de Ourense; e Bronquitis Crónica, de Cambados, aínda que hai sitio para máis.
Tamén teñen microweb os distintos locais de ensaio abertos polo país adiante, cun apartado propio con información de contacto, localización, normas de uso, datos dos usuarios, novas, eventos en axenda e documentación descargábel. Neste apartado tamén se fan visíbes as microwebs dos grupos que se inscriban nun determinado local.
Todo o que os grupos noveis precisan, nun clic
Na web, ademais, hai un apartado que achega toda a información precisa para sacarlle o máximo partido ás bandas que se apunten á Rede (como acceder aos locais de ensaio da rede, axenda de eventos e concursos do panorama musical, ligazóns a discográficas...) Tamén se pode escoitar algún tema dos grupos que a compoñen, ademais de oír, a todas horas, a Radio Nsaio.
A alta dálles tamén, aos grupos, acceso a un servizo en liña de asesoría xurídica en materia de dereitos, propiedade intelectual e outros aspectos legais relacionados coa actividade musical. Polo seu lado, os usuarios que se dean de alta poderán valorar as cancións, seleccionar os seus favoritos e facerlles chegar as súas opinións, como bos fans (ou non).