Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Provocan a caída dos prezos

Acusan as industrias leiteiras de coacción aos produtores

O SLG fala de actitude "mafiosa" de varias industrias, que reducen ou abandonan a recollida de leite na procura de caídas de prezo que lles garantan boas condicións para o contrato homologado.

Redacción - 09:30 05/08/2008

Desde o Sindicato Labrego Galego analizaban este luns o paradoxo de que mentres en anos anteriores, nesta altura a demanda de leite por parte das industrias sempre aumentaba, favorecendo que a esixencia do mercado se traducise nun aumento do prezo pagado aos produtores, desta volta non está acontecendo así.

O SLG atopou que até catro cooperativas viron durante a semana pasada como varias industrias, nunha práctica da que acusan de comezar a Puleva, abandonaban ou reducían a recollida do leite. Unha práctica que cualifican de "mafiosa" e que aseguran que vai destinada a "reforzar a sensación de inestabilidade no mercado".

"O negocio é sinxelo: ao estabeleceren unha relación contractual cos produtores por un ano, se fixan o prezo a cobrar no momento en que este está máis baixo, garanten que durante todo o ano os produtores veranse na obriga de vender a ese prezo durante toda a campaña", indican desde a formación sindical. Unha estratexia de mercado onde a industria bota man do argumento da existencia de presuntos excedentes debidos á caída do consumo.

As cooperativas súmanse á denuncia
Na denuncia coincidiu esta segunda feira a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), desde onde subliñan a "indignación" dos produtores neste caso cara a empresa Puleva. Acusan a esta industria de, apenas con catro días de antelación no aviso, ordenar paralizar a recollida do leite en varias cooperativas, "rachando de súpeto relacións con fornecedores cos que levaba traballando máis de quince anos".

As cooperativas acusan a Puleva de virar cara a unha estratexia comercial baseada en mercar restos excedentes de leite sobrante doutros países "desfacéndose de provedores cos que tiña estabelecida unha política de seguridade de recollidas e de calidade a través dunha relación profesional" de moitos anos.

Nese sentido, desde Agaca felicitan pola contra a actitude do industrial galego Xesús Lence, de Leite Río, con quen chegaron a acordos xa algunhas das cooperativas afectadas e de quen loan que apostase por apoiar as cooperativas na súa actividade para "producir leite cos maiores estándares de calidade e seguridade alimentaria".

Críticas ao contrato "homologado"
Desde o SLG entenden que esta estratexia da industria dálles a razón sobre as súas reivindicacións ao respecto da instauración do contrato "sen prezo mínimo garantido" aos produtores. Advirten de que a industria aproveita así este instrumento para "preparar o terreo" e acabar forzando os produtores a venderen "a calquera prezo" para non quedar co leite na casa "e ter que tirar con el".


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: