Pasarán as súas vacacións no país, o mesmo que Touriño e Núñez Feijoo, que estarán nas Rías Baixas, e Quintana, que ficará en Allariz.
A maioría dos membros do Goberno galego que inician estes días as súas vacacións dedicarán o tempo libre a estar coas súas familias, aínda que ao longo do mes de agosto terán que facer gardas semanais na Xunta e reincorporaranse ao traballo o día 25 de agosto, xa que o xoves 28 celebrarán o primeiro Consello tras o descanso estival.
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, tomará tres semanas de vacacións en compañía da súa muller, os seus fillos e os seus netos na ría de Arousa, nunha residencia privada en aluguer desde onde seguirá a situación da comunidade "en permanente contacto cos conselleiros", segundo informou o Executivo galego. O vicepresidente, Anxo Quintana, optou por quedar en Allariz, onde aproveitará para estar coa súa familia.
O líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, tamén elixiu Galicia como destino estival e, do mesmo xeito que Touriño, pasará as súas vacacións nas Rías Baixas, fundamentalmente descansando e repondo forzas, xa que ten previsto reincorporarse ao traballo xa na segunda quincena deste mes.
Sen dúbida, as Rías Baixas é o destino favorito dos políticos galegos e, así, a presidenta do Parlamento, Dores Villarino, estará este mes xunto á súa familia en Nigrán, onde ademais de descansar aproveitará para escoitar a súa música favorita, entre a que se atopa o blues, o soul, o jazz ou a clásica.
Os conselleiros
Nas Rías Baixas pasará ademais uns días o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, aínda que tamén ten previsto quedar un tempo no Carballiño (Ourense), localidade da que foi alcalde e onde estará coa súa familia.
En xeral, a maioría dos conselleiros aproveitarán as vacacións para dedicarlle máis tempo á familia, tal e como manifestaron os responsábeis de Política Territorial (María José Caride), Pesca (Carmen Gallego), Sanidade (María José Rubio) e Educación (Laura Sánchez Piñón). Esta última ten previsto descansar en Bueu e Rubio tamén estará nunha casa no sur de Galicia, onde dedicará parte do seu tempo de repouso á lectura.
O único que quedará sen retiro estival será o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, que ante a ameaza de lumes non collerá vacacións en todo o verán, como lle pasou o ano pasado.
Quendas
Ademais, do 4 ao 10 de agosto estarán de garda na Xunta os titulares de Presidencia, Traballo, Pesca, Economía (José Ramón Fernández Antonio) e Cultura (Ánxela Bugallo).
A Fernando Blanco tocaralle estar de garda entre o 18 e o 24 de agosto, xunto aos conselleiros de Medio Ambiente, Sanidade e Política Territorial. Na semana do 11 ao 17 de agosto será cando menos membros do Goberno haxa en San Caetano, cando lle toca a garda ás responsábeis de Educación e de Vivenda (Teresa Táboas). Esta última é a única que xa está de vacacións a día de hoxe.