Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INFORME DE CONTAS

Os socialistas acusan a Feijóo de financiar a última campaña electoral con fondos públicos

Ismael Rego asegura que o agora presidente popular "rozou a corrupción" ao asinar convenios con medios de comunicación antes dos comicios.

Redacción - 17:45 01/08/2008

O informe do Consello de Contas relativo ao ano 2005 segue dando que falar. Do texto extráese a conclusión de que o entón conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo, asinou convenios con tres medos de comunicación por máis de 400.000 euros en plena campaña electoral. Así o vén de subliñar o voceiro do grupo parlamentario socialista, Ismael Rego, quen falou de "irresponsabilidades graves que rozan de preto a corrupción política".

Segundo Rego, o actual presidente do Partido Popular de Galicia asinou estes convenios con Faro de Vigo, La Voz de Galicia e La Región, e – dixo – "todo parece indicar que estes cartos se destinaron a financiar única e exclusivamente a campaña persoal de Feijóo nos comicios electorais. O socialista entende que dos tres medios de comunicación escollidos, un deles ten unha incidencia moi importante na provincia de Pontevedra, circunscrición á que se presentaba como candidato o entón conselleiro.

Os socialistas aseguran que os convenios asinados con medios de comunicación non xustifican axeitadamente a ausencia de concorrencia, polo que non se entende por que se escolleu especificamente eses medios e non outros. Do mesmo xeito, tampouco se precisa o contido das obrigas que deben asumir as entidades asinantes, nin aparece xustificada a cantidade económica aportada pola Xunta.

Ismael Rego esixiu ao presidente do PP que de explicacións por estes feitos e que asuma a súa responsabilidade. Na mesma liña se manifestou o viceportavoz parlamentario dos socialistas, Xaquín Fernández Leiceaga, quen foi máis alá e pediu a dimisión tanto de Núñez Feijóo, como do actual secretario xeral do PP, Alfonso Rueda.


3,4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: