A illa de São Vicente sería sé da zona económica especial de China en África.
O primeiro ministro de Cabo Verde, José María Neves, anunciou a existencia de negociacións có goberno chinés para converter a illa de São Vicente en sé da zona económica especial de China en África.
Os dous gobernos están a discutir a reestruturación dos antigos estaleiros de Cabnave para os transformar nunha base de apoio da xigantesca frota marítima de China nas súas actuacións con África.
Á parte das dificultades de Cabo Verde en termos de competitividade, polo reducido tamaño so seu mercado e o custe da súa man de obra, Neves lembrou que os estaleiros de Cabnave poderían ser pequenos para as aspiracións de China, país que conta cunha das maiores frotas pesqueiras do mundo.
Ao fío, os empresarios da illa de São Vicente veñen de facer unha manifestación protesta, posto que có aumento do tráfico marítimo da zona periga a praia da Laginha, próxima ás infraestruturas de Cabnave. O xefe de goberno admite que a praia pode estar en perigo, pero xustifica a necesidade desta operación argüíndo que a poboación ha preguntarse se quere ou non desenvolver a illa. En caso afirmativo, “non debe facer concesión algunha”.
Mentres tanto, promete que o seu goberno vai tratar de atopar solucións que minimicen os posíbeis danos ao medio ambiente que puidese ocasionar a enorme frota marítima chinesa.