O PSdeG entende que queda probado o "uso discrecional" que se fixo dos cartos públicos durante o goberno do PP.
"Non é a primeira vez que determinados nomes aparecen na prensa en relación coa concesión de dereitos de explotación dalgún elemento de carácter natural coma o vento ou as augas, e relacionados coas mesmas persoas e os mesmos beneficiarios", apuntou o voceiro parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga. O socialista afirmou este mércores que este tipo de confirmacións deberan dar lugar a "algunha actuación de oficio por parte doutras administracións".
Segundo explicou, o escenario analizado polo Consello de Contas evidencia o "problema de planificación, descontrol e discrecionalidade no referido as concesións de dominio público" que se produciron durante a etapa de goberno do PP. Un conxunto de casos que en opinión de Leiceaga lle afectaron ao principio de concorrencia "no que rezuma un aroma a negocio diante de intereses públicos a privados moi claro".
O deputado socialista referiuse ademais de a contratacións relacionadas con Augas de Galicia a outras vencelladas ao transporte escolar ou a Turgalicia, sinalando que os criterios atopados "teñen unha enorme carga de subxectividade" de xeito que os xestores dos contratos elixían a empresa que preferían "con independencia dos criterios obxectivos que poidan ser contratados por terceiros". Leiceaga indicou que o informe relata que nesta caso, en catro empresas hai problemas de contratación por valor de 5 millóns de euros "utilizando intermediarios de xeito innecesario ou concentrando nalgunhas empresas contratos que non precisan ese nivel de concentración".