Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
COMEZA A FEIRA

Dez días de libros na Coruña

Rivas, Caneiro, Suso de Toro, Chelo Suárez, Reixa, Dobao ou Marcos Calveiro presentarán as súas obras máis recentes do 1 ao 10 de agosto.

Redacción - 09:30 01/08/2008

As casetas dos Xardíns de Méndez Núñez están listas para abrir. Regresa a Feira do Libro máis importante do país, en competencia coa de Vigo, este ano con 52 expositores, máis de 150 mil volumes e a presenza de máis de sesenta autores, que presentarán ou asinarán as súas obras. En total, calcúlase que até o 10 de agosto pasarán pola feira máis de cen mil persoas.

O pregón (este venres, á unha do mediodía) será ofrecido por polo profesor Luciano Rodríguez Gómez, catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña. Nos dez días que a Feira permanecerá aberta, unha boa representación da literatura galega pasará polos Cantóns da cidade. Suso de Toro e Herminio Barreiro (venres 1), Manuel Rivas (sábado 2), Carmen Blanco (domingo 3), Marcos S. Calveiro, Agustín Fernández Paz e Luis González Tosar (luns 4), Antón Reixa, Chelo Suárez, Marcelino Fernández Mallo e Antón Dobao (martes 5), Xosé Manuel Beiras e Ánxeles Penas (mércores 6), Xabier Alcalá (xoves 7) ou Xosé Carlos Caneiro (venres 8) son algúns dos autores que pasarán pola cidade.

Entre todas elas destaca a presentación do novo poemario de Antón Reixa, Látego de Algas, ilustrado por Francisco Leiro. E tamén a do libro de relatos teatrais Vidas do mar, que será presentado por Lino Braxe e o acordeonista Rómulo Sanjurjo.

Antonio Fernández Maira, presidente da Federación de Libreiros de Galicia, salientou, confesando unha certa sorpresa, que a venda de libros nas sete feiras que xa se celebraron en Galiza neste 2008 aumentaron un 20% con respecto ao 2007. Porén, o que non mellora gran cousa é o índice de lectura. Os datos publicados este xoves pola Federación de Gremios de Editores de España, indican que que o 56,9% dos cidadáns do Estado maiores de catorce anos decláranse lectores "frecuentes" ou "ocasionais". Isto supón un lixeiro ascenso con respecto ao dato rexistrado hai tres anos, pero continúa situándose moi lonxe da media da Unión Europea.

E moito máis o noso país, cun índice moi inferior á media española (51,2% de lectores), o que nos sitúa como a segunda comunidade autónoma que menos le, superando tan só a Extremadura, e a moita distancia de Madrid, Cataluña ou Canarias.


3/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: