Despois de deixar este instrumento fóra do acordo con empresas e sindicatos, o presidente avala e atribúelle un protagonismo clave a un órgano indirectamente vencellado coa Xunta.
Era unha das ferramentas que levaron á mesa de diálogo sindicatos e empresarios. Especialmente desde a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), insistírase en que unha das prioridades debera ser a creación dun "Observatorio da Competitividade". O obxectivo sería, segundo a CEG, poder realizar un seguimento sistemático e permanente dos factores de competitividade e produtividade, manexando información actualizada e continua sobre a conxuntura económica do tecido empresarial. A fin última de feito, estaría en "orientar" as propias políticas de fomento empresarial das administracións.
Paradoxalmente, e logo de quedar diluída a idea no Acordo pola Competitividade, asinado a comezos do mes de xullo, o presidente da Xunta dáballe este martes o seu apoio á decisión da chamada Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento de protagonizar a posta en marcha deste instrumento. Touriño defendeu que se trata dun paso máis "na estratexia de modernización da nosa economía", presentando a iniciativa como un aval máis das actuacións fronte á "desaceleración económica".
Como obxectivos deste novo Observatorio, citáronse a análise da competitividade de Galiza e dos seus clústers, os estudos comparativos con economías e clústers internacionais, a análise de escenarios e tendencias globais, o seguimento de indicadores de competitividade, a difusión de modelos de cooperación entre clústers, o fomento e a difusión da cultura e os conceptos da competitividade, e o seguimento dos mercados estratéxicos para o país.
Na Fundación a Xunta participa no padroado a través da Consellaría de Economía. A entidade está integrada polas seguintes empresas: PSA Peugeot-Citroën, Inditex, Pescanova, R, Coren e Finsa. No campo financeiro participan Caixanova, Caixa Galicia e o Banco Pastor, mentres que no universitario conta coa colaboración das tres universidades.