O autor recibiu o Premio Porto Magno, entregado polo Coro Toxos e Froles, nun acto no que participaron numerosos amigos.
Disque a cidade na que namoras por primeira vez queda marcada a ferro no peito. Debe ser esa unha das ligazóns que unen a Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957) a Ferrol. Alí pasou a súa adolescencia dende os once anos, estudou o bacharelato, viviu os seus primeiros amores e comezou a escribir os seus primeiros poemas. A vida levou a Ramiro Fonte por moitos lugares, mais sempre retornando a Ferrol, fisicamente e a través das súas obras: "a débeda de amor coa cidade saldeina con moitas e significativas páxinas que lle dediquei", dixo.
Este luns Trasancos devolveulle unha parte deste amor vertido entregándolle o premio Porto Magno, como homenaxe a toda a traxectoria de Fonte, un recoñecemento promovido polo Real Coro Toxos e Froles para conmemorar o 150 aniversario da concesión do título de cidade a Ferrol. No acto, celebrado no Concello de Ferrol, participaron o ministro de Cultura, César A. Molina; o alcalde da cidade, Vicente Irisarri; a conselleira de Cultura, Anxela Bugallo; a edil de Cultura, Iolanda Díaz, e o presidente do Coro, Pedro Sanz.
Ademais, outros amigos de Ramiro Fonte, unha boa representación da cultura galega, tamén se desprazou até a cidade para estar presente na homenaxe. Alí estiveron, por exemplo, Manuel Bragado, Ramón Pernas, Ramón Loureiro, Julia Uceda ou Miguel García Posada (presidente da Asociación Española de Críticos Literarios). A poesía estivo moi presente ao longo da homenaxe, con abondosas referencias á participación do autor no Grupo Cravo Fondo, nos anos setenta, no que coincidiu con Rábade Paredes, Fiz Vergara Vilariño ou Helena Villar Janeiro. De feito, Ramiro fonte abriu a súa intervención co seu poema Cabo Prior.
Pola súa banda, Anxela Bugallo reivindicou a "forza creadora" e o "ánimo dun home culto que deu títulos esenciais da nosa historia cultural". Valorou tamén o "compromiso de Ramiro Fonte coa lingua" e asegurou que o galardoado é, en verdade, "un exemplo de amor á literatura". E Iolanda Díaz enxalzou a persoa de Ramiro Fonte valéndose de numerosas citas das súas obras.