Feijoo avisa de que se chega á Xunta derrogará a Lei de Comercio Interior de Galicia, en fase de anteproxecto, debido ao apartado introducido sobre os dereitos lingüísticos dos consumidores.
Outra vez desde o PPdeG cargan contra unha medida do Goberno que desenvolve unha das recomendacións estabelecidas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado coa unanimidade das forzas parlamentarias hai xa case catro anos, paradoxalmente, durante o último goberno do PP con maioría absoluta na Cámara.
Desta volta, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, anunciou este luns que no caso de que a lei de comercio interior sexa aprobada no que queda de lexislatura "sen modificar o seu contido", o seu partido derrogará a norma se gaña as próximas eleccións. O PP interpreta que se trata dunha norma que "no canto de promover impón". "O cidadán empresario cando se dirixe aos seus clientes a través de letreiros, catálogos, facturas, etc., se o fai en castelán debe adherir obrigatoriamente ao texto en castelán unha tradución en galego do que ten escrito", opina Anxo Bernardo Tahoces, voceiro de Industria do grupo parlamentario do PPdeG, "se no letreiro, catálogo ou factura non hai espazo suficiente para ambos os dous textos, o empresario ten que elixir", engade.
Así, e segundo a interpretación de Tahoces, "en Galiza no ámbito da actividade comercial privada, redactar soamente en galego é legal, e redactar soamente en castelán é ilegal". Xa que logo, o voceiro de Industria considera que a través desta norma "a utilización do castelán como lingua única na rotulación" poderíase sancionar con cantidades "de até 30 mil euros".
De paso, o PP critica que o Goberno non promova "un plan de apoio ao sector comercial" en tempos de crise económica, e acúsao de "importar medidas inspiradas en Cataluña ou Baleares". Di Feijoo ao respecto que a Xunta esquece "o escenario de bilingüismo cordial que tradicionalmente se rexistrou en Galiza".
O galego no comercio, un valor subliñado polo Plan de Normalización
En 2004, o texto saído do Parlamento co apoio unánime de todos os deputados, incluídos os do grupo que daquela sostiña o Goberno, o PP, foi claro á hora de incluír recomendacións específicas en favor do galego no ámbito comercial. O documento parte neste ámbito da vontade de promover o estabelecemento da "oferta positiva de atender o cliente en galego como práctica comercial habitual". De paso, salienta os "baixos índices de rexeitamento" na poboación ao seu uso empresarial.
Como obxectivo específico, o Plan de Normalización apunta a necesidade de "dar os pasos necesarios para ampliar a base legal do uso comercial do galego". De xeito concreto, o texto propoñía por exemplo crear xunto co Consello Galego de Consumidores, "unha iniciativa lexislativa que recoñeza mellor os dereitos lingüísticos dos consumidores e usuarios".
No mesmo sentido, a norma chama a "resolver os problemas xurídicos" que puidese haber e que dificultasen ou impedisen o uso do galego no sector económico. Á beira, outro dos puntos mesmo chamaba a instalar en todos os organismos públicos e en lugar visíbel "un cartel que informe do dereito do cidadán e consumidor a expresarse oralmente ou documentalmente en galego".
O artigo que non acepta o PP:
Artigo 8. Dereitos lingüísticos das persoas consumidoras
1. O exercicio da actividade comercial levarase a cabo con rigoroso respecto aos dereitos lingüísticos das persoas consumidoras. Ninguén poderá ser discriminado ou atendido incorrectamente por razón da lingua oficial empregada.
2. A sinalización, os carteis informativos e os documentos de oferta de servizos para as persoas consumidoras dos establecementos abertos ao público deben ser redactados, ao menos, en galego. Esta norma non se aplica ás marcas, aos nomes comerciais e aos rótulos amparados pola lexislación da propiedade industrial.
3. Os poderes públicos galegos garantirán o exercicio dos dereitos establecidos nos parágrafos anteriores e para tal fin, prestarán todo o asesoramento que, no seu caso, for preciso.