Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
XXXI Romaxe

UNHA ROMAXE NA CABECEIRA DO PAI MIÑO

O 13 de setembro andaremos de festa todas as irimegas e irimegos pois esa é a data da XXXI Romaxe. Temos a sorte de celebrala nunha zona fermosísima: o concello da Pastoriza, cabeceira do río Miño e que, coma escribiu hai ben pouco Carlos G. Reigosa, “é un miradoiro privilexiado das altas terras da Corda e dos verdes vales que se abren á Terra Chá, a comarca da que forma parte. Nas súas beiras montañosas sepáranse as augas que desembocan no Cantábrico e as que aflúen ao Miño, o río pai que fecunda a Nosa Terra e remata a súa longa travesía no océano Atlántico. Unha terra que hai cincocentos anos Vasco de Aponte chamou ‘brava’ e que hoxe está habitada por homes e mulleres amantes do seu, que souberon converter A Pastoriza nun fermoso espazo de grande riqueza gandeira e agrícola”.

(Nota: ao final do artigo hai unha ligazón ao mapa da zona e máis unha breve explícación de como chegar).

Xabier Blanco, do equipo organizador - 21:59 26/07/2008
Medalla conmemorativa da XXXI Romaxe

Medalla conmemorativa da XXXI Romaxe

É o citado autor quen nos informa tamén de que, cando nos poñamos en camiño cara a praia fluvial de Baltar, lugar da nosa festa, presentiremos axiña a pisada de ilustres devanceiras e devanceiros celtas, hispanorromanos, suevas e bretóns. E poderemos ollar o fermoso nacemento do río Miño na lagoa de Fonmiñá. ¡As augas do pai Miño, onde hai 31 anos empezamos esta nosa andaina festeira de romaxe en romaxe, de fe en fe, de compromiso en compromiso. Tamén poderemos contemplar o dolmen de Mazoi en Pousada, a ponte vella de Saldanxe, o neboento e solitario Cristo da Amizade no Fiouco, os altos sendeiros montesíos en Loboso, Lagoa, Cadavedo e Bretoña. Si, ¡Bretoña!, onde está a sede que un día rexeu o bispo Maeloc, líder dunha comunidade cristiá que deu pé á vella igrexa mindoniense á que pertencen estas terras.

Na carballeira de Baltar, e presididos polo lema “Rexos coma carballos” queremos celebrar o privilexio de ser un pobo con raíces ben fondas das que non queremos nin podemos desprendernos: unha maneira de falar, unha maneira de bailar, unha maneira de rezar, unha maneira de tratar cos demais, coa Natureza e con Deus.

O símbolo do carballo aproxímanos un pouco ao que nos deu consistencia no pasado, e ao que pode seguir dándonos consistencia hoxe e no futuro. Constituírnos coma persoas rexas a semellanza dos carballos da carballeira de Baltar significa seguir tecendo no día a día experiencias e traxectorias consistentes, sólidas, rexas, vigorosas: a traxectoria da xente que está apostando na nosa terra por facer posible a integración do pobo xitano, a traxectoria da xente da zona da Pastoriza que apostou por darlle futuro ao noso campo a través do cooperativismo e do asociacionismo, a traxectoria de colectivos empeñados en que Galicia non sexa vendida. En todo iso percibimos fonda consistencia e percibimos a invitación do Deus da Vida a seguir apostando por esa solidez. E todo iso queremos agradecer na nosa celebración unido á nosa gratitude por Xesús de Nazaré, “rexo e forte coma calquera dos mellores carballos da nosa Terra, ben enraizado sempre en Deus. ¡Xesús de Nazaré! que medrou vigoroso nas terras humildes de Galilea, desde onde promoveu un firme movemento de ilusión e de esperanza, especialmente para todas as mulleres e todos os homes que estaban excluídas dos gozos da vida”.

Tras a celebración da “misa irimega” habemos seguir xuntos compartindo o xantar, o canto e o baile acompañados polo grupo “A Quenlla” e pola banda de música da zona.

E os que queiramos, achegarémonos onda o mítico carballo de Luxís para ter un momento de acción de grazas a Deus e á xente por todo o vivido e despedirnos ata o ano vindeiro en Aguiño.

Por certo, xa dende agora e dende aquí queremos agradecerlle ao concello de A Pastoriza e á xente da asociación cultural “A Chainza” a súa impagable colaboración para poder quitar adiante a nosa Romaxe.

Non o esquezades, pois: o 13 de setembro seguimos celebrando Fe e Galeguidade na praia de Baltar, co seguinte horario:

  • 11: 00h: Acollida.
  • 12:00 h: Celebración.
  • 14:00 h: Xantar.
  • 16:00 h: Festa.
  • 18,30 h: Oración e despedida.



NB: Se queredes contar o día 13 con pan elaborado na zona, tedes que chamar a Manolo ao teléfono 982- 508237 e facer o voso encargo.




Como chegar?

Para chegar ata Baltar hai dous puntos de referencia: Lugo e Vilalba.

1.- Dende Lugo. A mellor opción é coller, dende a autovía, a estrada N-640, que vai a Meira. Seguimos esa estrada, aproximadamente, 30 quilómetros ata as proximidades de Meira. Alí collemos á esquerda pola estrada LU-122 e aos 300 metros a LU-120. Aos dous quilómetros teremos que xirar á dereita e logo seguir por unhas pistas. Pero dende a saída da N-640 estará sinalizado.

2.- Dende Vilalba. Collemos a estrada LU-120 en dirección Meira. 29 quilómetros despois deberemos coller á esquerda e seguir por unhas pistas, pero estará sinalizado. Esta opción permitiravos percorrer a recta máis longa de Galicia.


Ligazóns

4,78/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: