Peneirar "tradición galeguista", combinada con socialdemocracia "moderna" é a alquimia que Pérez Touriño di esperar dun congreso "en clave de país".
Na calor do verán de 2004 as temperaturas internas do PSdeG xa non chegaban ás cotas de tensión que marcaran non moito antes. O partido desembarcaba naquel momento na cita congresual co obxectivo de conformar un equipo estábel que apelara á "complicidade" social para pilotar o asalto ao cambio de goberno en posición de liderado. O lema elixido daquela: 'Agora Galicia'.
Catro anos polo medio e o éxito da entrada no Goberno co privilexio da presidencia da Xunta, o PSdeG-PSOE escolle 'A forza de Galicia' como lema para este XI Congreso. A meta estratéxica non deixa de ser ambiciosa, cunhas eleccións á volta de poucos meses e a recoñecida aspiración de ampliar forza parlamentaria. Non en van, nas últimas citas coas urnas, os socialistas repetían que a meta de derrubar a hexemonía do PP como partido máis votado estaba ao seu alcance.
O documento marco co que o PSdeG chega a este congreso aspira a obter esa maioría social aproveitando o que definen de "conservadurismo inmobilista dun PP confuso e en crise". Polo que lle toca ao BNG, os socialistas evitan definición ao xeito do que lle adican ao PP, insinuando apenas que o nacionalismo non achega proposta de renovación "seria e fiábel".
A ese escenario o PSdeG pretende deseñar un proxecto "modernizador", para o que, a nivel de contido, definen seis eixos: a economía social de mercado como instrumento para a igualdade e a cohesión social; a modernización económica e social; a igualdade de xénero; o desenvolvemento sostíbel; unha democracia de calidade; e autogoberno e federalismo. Pero máis aló do relativo consenso na construción do discurso, os socialistas enfrontan nesta cita o conflito noutro eido, á hora da elección dos nomes. Ao congreso chégase cun pequeno grupo de delegados abandeirando a crítica ao que consideran un excesivo protagonismo dos "independentes" na conformación das políticas desenvolvidas a través das institucións que gobernan. Máis agochada aínda abrolla outra clave, a do pulso mantido polo touriñismo fronte ao crecentemente poderoso Xosé Blanco.