O xurado valorou un traballo "de base autobiográfica" que ao tempo "ilumina un xeito de crónica colectiva, histórica, do pobo portugués e da cultura portuguesa".
A orixinal estrutura do conxunto poético, de base autobiográfica, e a súa capacidade de evocación do pasado, tratándose dunha crónica persoal que ao mesmo tempo ilumina un xeito de crónica colectiva, histórica, do pobo portugués e da cultura portuguesa. Velaí os valores valorados polo xurado do premio Espiral Maior de poesía, que este xoves decidiu que o galardón vaia para "Açougue", do poeta portugués Amadeu Baptista, un poemario do que tamén salientan a expresión lingüística "limpa, natural e fluída", unha experiencia poética da construción do 'eu' que constitúe, segundo o fallo, unha aposta de gran interese poético e literario.
Amadeu Baptista (Porto, 1953), ten máis de vinte libros de poemas publicados, está considerado como un dos máis importantes poetas portugueses actuais e ten recibido, entre outros, o Premio Teixeira de Pascoaes, o Premio Nacional de Poesía Sebastião da Gama e o Premio Internacional de Poesía Palavra Ibérica.
Actuaron como xurado deste XVI Premio de Poesía Espiral Maior os poetas Xosé María Álvarez Cáccamo, Xavier Rodríguez Baixeras e Miguel Anxo Fernán Vello, actuando como secretaria con voz e sen voto Amparo Manteiga Vázquez. O gañador leva ademais 15 mil euros, no que é na actualidade un dos premios mellor dotados economicamente en toda Europa no eido da poesía.