Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Queixas de Greenpeace

O ministerio de Industria bótalle o freo ao crecemento da enerxía solar

Pretenden limitar a 300 MW a instalación de potencia fotovoltaica, malia que xa existe capacidade na rede para máis do dobre.

Redacción - 10:00 26/07/2008

A imposición dunha cota máxima de potencia de 300 MW, obxectivo que manexa o Ministerio de Industria para a enerxía solar fotovoltaica, pon en perigo o crecemento desta fonte enerxética. A organización ecoloxista Greenpeace manifestou esta semana o seu desacordo, presentando perante a Comisión Nacional de Enerxía, CNE, a súas alegacións ao Decreto proposto polo ministerio. No texto, o colectivo pide que os obxectivos propostos sexan eliminados, non solo por resultar insuficientes para a capacidade actual do sector fotovoltaico, senón porque estes "non deberían trocar en restricións ao seu desenvolvemento".

Enerxía limpa e barata o antes posíbel
Segundo José Luís García Ortega, responsábel da campaña Cambio Climático e Enerxía de Greenpeace, "seguimos batendo co medo escénico do goberno español ante o rápido crecemento desta enerxía renovábel, que se traduce na busca de formas de limitalo como sexa".

O Ministerio propón un límite anual de potencia moi restritivo tendo en conta as posibilidades reais da tecnoloxía, á parte de controlar o desenvolvemento da fotovoltaica dun xeito "arbitrario" e pouco efectivo. Greenpeace cree que o que fai falla é un instrumento que dea unha resposta eficaz ás fins que se perseguen: dispoñer de enerxía limpa e barata o antes posíbel.

Cambio climático
Segundo a organización, non hai dúbida da utilidade da fotovoltaica na loita contra o cambio climático. Esta tecnoloxía é moi útil ante a necesidade urxente de actuar porque está dispoñíbel para a súa aplicación inmediata e ten un potencial enorme, posto que aportaría unha cantidade significativa de produción enerxética ao panorama actual. Outras vantaxes inherentes a esta tecnoloxía son a creación de emprego, a xeración de actividade industrial, a capacidade de exportación de tecnoloxía, a xeración distribuída e eficiente de electricidade, a contribución ao desenvolvemento sostíbel e o acceso á electricidade para milleiros de persoas que non dispoñen dela, etc.

O custe da enerxía solar
Greenpeace defende a necesidade de empregar a gran escala a enerxía fotovoltaica, aínda que o principal obstáculo a curto prazo sexa o custe. Por isto é necesario dispoñer dun mecanismo económico de apoio para que esta tecnoloxía avance, cousa que está acontecendo máis rápido do previsto. Por todo isto cabe esperar que esta enerxía renovábel deixe de precisar apoio económico durante a vindeira década, que é cando se agarda que o custe de xeración fotovoltaica se coloque por baixo do prezo da electricidade para usuarios domésticos.

"Non hai que ter medo, todo o contrario, non tería ningún sentido, por aforrar custes de corto prazo, rexeitar os enormes beneficios que a fotovoltaica está achegando xa e sobre todo vai achegar moi cedo”, engadiu García Ortega.

Greenpeace defende a necesidade de reforzar o apoio ás instalacións fotovoltaicas dos edificios. Sen embargo, a proposta do ministerio engade novas barreiras, posto que esixe consumir alomenos a metade da enerxía no mesmo edificio, quita a exención actual de ter que depositar un aval de 500€/kW, limita a potencia máxima por edificio a 2 MW e non discrimina entre grandes e pequenas instalacións.

Limita as posibilidades da fotovoltaica
Agora a proposta do ministerio presenta unhas tarifas predicíbeis no tempo, pero o seu gran inconveniente é que limita a achega total da enerxía solar fotovoltaica situándoa moi por debaixo do factíbel, co conseguinte risco de arrefriamento do sector, Iso acarregaría a perda da "oportunidade histórica" de conseguir que esta enerxía limpa sexa tamén barata en menos dunha década.

Para evitar un custo excesivo nas tarifas que pagan os consumidores, a organización ecoloxista Greenpeace propón, en troques de limitar a potencia, controlar o gasto con revisións periódicas da tarifa de venda de cada kWh producido con enerxía solar fotovoltaica. Segundo a proposta de Greenpeace, esta tarifa sería maior canto menor fose a potencia de cada proxecto e cumpría apoiar ás instalacións en edificios.


4,4/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: