A posíbel posta á venda da eléctrica xa afiou dentes no mercado. Con todo, o capital galego aínda non move ficha na loita.
Gas Natural podería comprar o 45,3% de ACS en Unión Fenosa e afrontar unha OPA obrigatoria polo 100%, segundo un informe de Fortis, que considera que a posterior venda do negocio de gas da eléctrica á italiana Eni permitiríalle á gasista catalá dispoñer de fortaleza financeira suficiente para realizar a operación.
Trátase dun movemento estratéxico que implica ademais para Gas Natural unha das últimas oportunidades de medrar no sector enerxético a nivel estatal a través da compra de activos, despois dos frustrados intentos sobre Iberdrola e Endesa. A suposta boa relación entre ACS e La Caixa, entidade financeira que posúe o 33% de Gas Natural, fai previsíbel que a operación apareza entre as máis factíbeis, contando ademais co probábel beneplácito do goberno español. O executivo estatal vería con bos ollos que Fenosa quedase en capital do contorno do Estado español, segundo analiza Fortis.
Ademais da gasista, Fortis considera que E.ON, EDF, RWE e Suez poderían estar interesados pola compra da participación de ACS en Unión Fenosa. Esta adquisición obrigaría a lanzar unha OPA polo 100% segundo a actual lexislación, xa que se tomaría unha participación superior ao 30% do capital.