'A sombra da historia' ábrese o mércores 23 no CGAC compostelán.
O Proxecto-Edición, que se atopa no seu terceiro e derradeiro ano de traxecto, caracterizouse en todas as súas iniciativas pola mestura de linguaxes, soportes e formatos, polo achegamento dende a arte a outras disciplinas, nomeadamente as relacionadas coa comunicación e a edición. Este mércores inaugúrase no Centro Galego de Arte Contemporánea 'A sombra da historia', que permanecerá aberta até o 5 de outubro e que terá unha segunda parte, xa no inverno.
Trátase de traballar coa historia, con cantidades inxentes de información que deben ser manexadas. Esta realidade xera unha imaxe fragmentada do mundo derivada dunha falta de visión global. Entre os artistas que achegaron obras para esta exposición destacan Ignasi Aballí, Lara Almarcegui, Jorge Barbi, Raimond Chaves e Gilda Mantilla, Hanne Darboven, Joan Fontcuberta, Hans-Peter Feldmann, Ceal Floyer, Dora García, Julian Germain, Teresa Margolles, Rivane Neuenschwander, Carlos Pazos, Xavier Ribas ou Jorge Barbi.
O pontevedrés Jorge Barbi presenta a serie fotográfica El final aquí, que recolle espazos nos que se levaron a cabo paseos na Guerra do 36, e que serán publicados nun volume editado polo propio CGAC.