O conselleiro de Economía admitiu á saída da reunión en Madrid que o goberno español non atendeu ás prioridades expostas pola Xunta.
A renuncia do Ministerio de Economía a incluír de xeito explícito os criterios de dispersión e avellentamento poboacional entre os factores de cálculo á hora da reforma do financiamento autonómico, foi unha das causas principais da recoñecida decepción este martes na delegación galega no Consello de Política Fiscal e Financeira.
O conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, admitiu á saída da xuntanza que estes criterios "non se inclúen de forma clara" e advertiu que Galiza conta con que sexan incorporados xa que determinan en gran medida o gasto na prestación de servizos tales como a sanidade ou a aplicación da lei de dependencia.
"Estamos ante unha proposta aínda insuficiente e ambigua que é necesario concretar", engadiu Fernández Antonio, quen dixo esperar que, á beira doutros gobernos con intereses similares, a reclamación poida finalmente prosperar. O conselleiro cualificou de "aínda ambiguo" o modelo proposto polo goberno español e queixouse do escaso avance "en relación ás expectativas" coas que se chegaba. Así, negou unha valoración positiva do debate agora iniciado en tanto non se inclúan "de xeito explícito" elementos que na súa opinión "son fundamentais" para Galiza.