Os dous atletas lograron a marca mínima no galego para poder participar, a vindeira fin de semana, no Campionato Estatal, en Tenerife, onde podería chegar o pasaporte para Beixín.
Esta fin de semana desenvolveuse en Pontevedra (no CGTD) o Campionato Galego de Atletismo, na categoría absoluta, cun bo ambiente competitivo. Moitos dos atletas participantes conseguiron a marca mínima precisa para competir a vindeira sexta feira e máis o sábado no Campionato Estatal que se ha desenvolver en Tenerife.
Entre eles están Gustavo Dacal (lanzamento de xavelina) e David Gómez (decatlón), dous atletas que aínda poden facer parte do equipo olímpico español. Para isto deberían facer a mínima olímpica en Tenerife.
Gómez fixo "dobrete" ao facerse cos títulos de 110 valados e pértega, ademais de ficar de segundo en lonxitude, terceiro nos 100 metros e cuarto en altura. Dacal fixo unha marca de 72,41 metros coa xavelina.
As outras marcas galegas
No Campionato Galego destacaron as actuacións de Darío Vázquez e Samuel Paz en 200 metros lisos; Jorge Silva nos 10 quilómetros marcha e Víctor Gallego en lanzamento de martelo. Os catro, alén de Dacal e Gómez, conseguiron praza nos Estatais. Tamén merece mención a "dobrete" conseguido por José A. Palomanes en lonxitude e triplo salto.
En martelo tamén destacaron as marcas de Isaac Vicente (que se achegou á mellor marca galega en promesa, os 67,41), Juan Barbosa, Ignacio Fernández ou Luís Comesaña.
Entre as mozas salientamos o traballo de Virginia Villar nos 100 metros lisos; de Lidia Casal nos 200 metros; de Paula Campanero, en pértiga; e de Eva Costas en peso. En disco destacou Mercedes de Santaló e en martelo Noelia Ferradanes, que fixo a mellor marca xuvenil galega.
Ademais, na categoría B-2 o atleta Gustavo Nieves bateu a mellor marca mundial en 5.000 metros, mais aínda queda o recoñecemento da Federación Española de Deportes para cegos.