Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓNS DE ARTE CHINÉS E XAPONÉS NA PEDRERA E MAIS NO CAIXAFORUM

Oriente é Oriente. Estampas xaponesas, abstraccións chinesas

Xa houbo outras exposicións de arte oriental este ano. Agora volven. Oriente está de moda. Será por mor das olimpíadas, ou da economía?

Lito Caramés - 19:15 21/07/2008

Dentro da ampla oferta expositiva que este verán presentan museos e galerías da cidade de Barcelona, queremos salientar dúas, diferentes no contido e nas épocas que as obras foron creadas. O nexo entre elas -de haber algún- é a proximidade xeográfica e algunhas constantes estéticas, como o gusto pola caligrafía e as súas potencialidades artísticas, ou o gusto polo baleiro.

Ukiyo-e

No magnífico edificio de Gaudí, La Pedrera, e, asemade, centro cultural da Fundació CaixaCatalunya, ofrécese aos visitantes -de balde- unha ampla colección de estampas xaponesas, baixo o título Ukiyo-e, imatges d'un món efímer. Gravats japonesos dels segles XVIII i XIX de la Bibliothèque Nationale de France. Unhas cento cincuenta estampas das moitas que se conservan na Biblioteca de París, que foi preparada polos propios conservadores da devandita biblioteca e que logo se poderá contemplar na capital francesa.

Os gravados son da época EDO (1603 a 1853) do pasado xaponés. Foi o período no que se pecharon as fronteiras e o Xapón quedou recluído en si mesmo. Edo é o nome que daquelas recibía a cidade de Toquio, que pasou a ser a capital por aquel entón. As estampas teñen moito interese en si mesmas. Na Pedrera hai un vídeo no que se reproduce o longo e complicado traballo artesanal que permitía chegar á estampa final. Desde as madeiras de cerdeira até as tintas finais.

A clientela deste tipo de pezas, relativamente populares -xa que permitían tirar varias copias dunha mesma prancha de madeira- era a clase media. Comerciantes e familias con posibles, non nobiliarias. Os clientes impoñen os gustos, e así sorprenden bastante os temas ofrecidos nas mesmas. Por exemplo, o teatro Kabuki, un teatro popular, falado, cantado, que estivo case prohibido, pero que eran lugares onde as persoas ían divertirse. Os actores, sempre homes, debían tomar roles femininos para os seus papeis, o que non era mal visto. Tampouco a homosexualidade, que se aceptaba con normalidade. O erotismo pode ir desde a estampa estética das figuras de muller até as explícitas escenas de sexo (algo impensable que se vendese en Europa publicamente naqueles séculos de escurantismo cristián), escenas ás que podemos cualificar de sexo explícito.

Hai magníficas escenas de contemplación típicas das festas populares: a floración das cerdeiras, a noite estrelada... No século XIX aparecen as paisaxes, como influencias que veñen de fóra (Europa), pois por primeira vez albíscanse perspectivas, algo alleo á plástica plana tradicional.

O período EDO remata no 1853 e con el a autarquía e o peche ao exterior. Estas estampas fermosísimas comezan a chegar á Europa nos intres que inicia o seu expansionismo e colonialismo, aló pola década dos 60 (1860). O impacto que aquel xeito radicalmente diferente de reproducir escenas da vida cotiá tivo sobre artistas occidentais foi moi forte. Lémbrese aos impresionistas en xeral, e particularmente a Degas e mais a Vincent Van Gogh e, como non, no cartelismo.

Escola Yi

En Caixaforum, onde hai unha grande oferta de exposicións -tamén de balde-, pódese ver La Modernitat Desplaçada. L'Escola Yi. Trenta anys d'art abstracte xinés. Máis de oitenta obras e cincuenta artistas dan conta das aproximacións dos creadores chineses á arte abstracta nos últimos trinta anos. Propostas feitas en duras condicións e a contracorrente da arte oficial do réxime.

Esta mostra, organizada e comisariada polo profesor Gao Minglu, vén sendo complemento doutras que, sobre a arte chinesa, xa houbo este ano en Barcelona. Unha moi interesante na Fundació Miró.

O Yi é un estado de ánimo, un proposta mental que busca a reflexión sobre o individuo e o seu entorno. É un bo xeito para aproximarse e reflectir a meditación. O Yi convida a unificar tendencias dispares: realismo, abstracción, arte conceptual. Desde este principio, moitos creadores chinos trataron de facer algo diferente ao realismo social imposto. Hai que salientar que eran, e son, artistas non profesionais. Traballaban en fábricas ou na agricultura e, logo, miraban de crear. Moitos deles foron represaliados e enviados a lugares afastados, onde só tiveron o consolo das paisaxes para as súas meditacións e abstraccións. Hoxe moitos deles xa viven fóra de China.

Dos anos oitenta, momento que comeza a mostra até agora, a plasmación da abstracción foi pasando por etapas. Nos comezos, refuxiábanse ben na paisaxe e nas súas abstraccións, ben en símbolos culturais, que podían zafar mellor as censuras: círculos, cadrados, o Tao (yin-yan), e mormente a caligrafía, esa constante da arte chinesa que xurde en calquera medio artístico, mesmo no cinema. Nestes anos apareceu o que se denomina o "movemento dos 85", que foi un grupo que pretendeu con dificultades combinar a arte tradicional con toda a modernidade que mal chegaba de Occidente. Logo despois pasouse a unha arte máis individualista e minimalista. Agora, coa globalización e coa situación tan complicada que viven -capitalismo salvaxe con comunismo político- todo indica que se pechan na auto-meditación e mais na produción de obras de aires espirituais.

As cores da exposición son dúas, o branco e o negro, e todas as gamas de grises que se queiran xerar. Quen se acerque a esta arte chinesa poderá decatarse que hai obras que recordan a artistas de aquí, pois non en balde e de lonxe seguiron as propostas que ían aparecendo nas sociedades occidentais.

EXPOSICIÓNS

Ukiyo-e

La Pedrera
Provença, 92
Horario: todos os días, de 10 a 20 horas
Até o 14 de setembro.
Visitas comentadas de balde, de luns a venres, ás 18 horas

Escola Yi

Caixaforum
Marqués de Comellas, 6 (Montjuïc)
Horario: todos os días, de 10 a 20 horas.
Até o 21 de setembro.
Visitas comentadas polas tardes de balde.


2,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Zang Hao. "Cidade Natal" (China)
Zang Hao. "Cidade Natal" (China)
Utamaro. "Amantes"
Utamaro. "Amantes"
Qin Yufen. "Tranquilidade" (China)
Qin Yufen. "Tranquilidade" (China)
Utamaro. "Penteadora"
Utamaro. "Penteadora"
Hokusai. "Baixo a onda"
Hokusai. "Baixo a onda"
Man Fung-Yi. "O mito das estrelas"
Man Fung-Yi. "O mito das estrelas"