Ademais, isto súmase a escalada imparábel do euribor, que se situou no 5,361% no mes de xuño.
A taxa de morosidade dos créditos con garantía hipotecaria para a adquisición de vivenda concedidos ás familias alcanzou o 0,99% no primeiro trimestre do ano, a cota máis alta rexistrada no Estado dende, polo menos, 1999, segundo datos do Banco de España.
Ademais, a morosidade rexistrada no primeiro trimestre supera en máis seis décimas a cifra rexistrada un ano antes (0,46%) e é máis de tres veces superior á porcentaxe alcanzada no mesmo período de 2005 (0,29%). Este dato supón unha nova confirmación da tendencia á alza da morosidade observada durante o pasado ano.
Os datos manexados polo Banco de España reflicten que esta evolución foi parella ao incremento do tipo de xuro dos préstamos para a adquisición de vivenda contratados, derivado do endurecemento das condicións monetarias na zona euro.
O tipo de xuro dos préstamos contratados polas familias para a adquisición dunha vivenda alcanzou o 5,5% no primeiro trimestre do ano, unha décima menos que no trimestre anterior, e segue situado en máximos. Este tipo medio é máis de dous puntos superior ao alcanzado en 2005, ano en que deron comezo as sucesivas subas dos tipos de xuro por parte do Banco Central Europeo (BCE) até o actual 4,25%.
O euribor segue a subir
Isto súmase a escalada imparábel do euribor, o tipo de referencia da maioría destas hipotecas, que se situou no 5,361% no mes de xuño. Deste xeito, o indicador encadea a cuarta subida consecutiva no que vai de ano e eleva en 0,856 puntos a taxa de xuño de 2007, cando pechou no 4,505%, e en 0,367 puntos o nivel do mes de maio.