Un soprador de cristal, un zapateiro e mais un oleiro inauguran a terceira edición da mostra Vellos Oficios Vivos.
Pola mostra pasarán máis de corenta artesáns de diferentes oficios
Un soprador de cristal, un zapateiro e mais un oleiro inauguran este sábado a terceira edición de Vellos Oficios Vivos, que terá lugar en Lugo cada sete días deica o 13 de setembro. A actividade, organizada pola Concellaría de Cultura e a asociación Ágora Cultural, pretende difundir e promocionar os sistemas de traballo seculares dos artesáns na elaboración dos seus produtos.
Pola mostra han de pasar, entre outros, palilleiras, ferreiros, zoqueiros... En total, máis de corenta artesáns de oficios que representan un estilo de traballar supervivente da Revolución Industrial. A Praza Maior da cidade acollerá a actividade, de 11.00 a 15.00 horas pola mañá, e de 17.00 a 20.00 horas pola tarde.
A concelleira de Cultura, Concepción Burgo, salientou o "atractivo turístico" que supoñen estas demostracións no centro da cidade, así como a interacción que se produce ente artesán e público. A iniciativa, encadrada no programa de actividade culturais Verán en Lugo, impulsouse co fin de "defender estes oficios que están a piques de desaparecer", sinalou Burgo.