Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Descende a creación de empresas

Malia o freo económico, o conselleiro anima a "aproveitar a crise" para emprender

O conselleiro de Economía e Facenda recomenda non deixar pasar a oportunidade.

Redacción - 09:00 17/07/2008
Xosé Ramón Fernández Antonio

Xosé Ramón Fernández Antonio

“Nos momentos de crise é cando aparecen as mellores oportunidades de inversión”. O conselleiro de Economía e Facenda, Xosé Ramón Fernández Antonio, recomenda aproveitar a difícil coxuntura económica para investir porque, nestes casos, sempre “existen oportunidades e persoas dispostas a aceptalas”.

Segundo pon de manifesto o “Informe Executivo Galicia 2007” do Proxecto Global Entrepreneurship Monitor (GEM)', presentado en Compostela este mércores, o emprendemento galego baixou con respecto ás cifras do pasado ano. O estudo de 2007 indica que hai menos galegos con intencións de crear unha empresa que hai un ano.

O potencial emprendedor de Galiza experimentou unha caída en 2007, pois un 6,27% das persoas desta comunidade sinalou que espera crear unha empresa no futuro, fronte ao 8,89% do exercicio anterior e medio punto punto por debaixo da media estatal.

Análise da evolución

A motivación que impulsa aos galegos a montar unha empresa de seu é a posibilidade de explotar unha oportunidade de mercado, e os que o fan, declaran que a razón principal que os impulsa a facelo é poder optar a unha maior autonomía laboral.

En comparanza co pasado ano, de todos os inversores do país, hoxe son menos os que achegan a totalidade do capital necesario para levar adiante o negocio. A meirande parte confía en recibir axuda financeira dos bancos, dos familiares ou das axudas públicas.

O perfil socioeconómico do emprendedor galego non mudou con respecto ao estudo anterior, posto que seguen sendo máis os homes cunha idade media de 38 anos, con estudos medios (formación profesional) ou universitarios, localizados en zona urbana como norma xeral e cunha renda variábel (entre 600 e 1.800 euros de media).

As empresas, máis micro que nunca

Como en anteriores edicións do estudo, a meirande parte das iniciativas emprendedoras son microempresas orientadas xeralmente aos servizos a empresas e de consumo. Sen embargo, cada vez se constitúen empresas máis pequenas con relación aos informes precedentes.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: