Nese contexto, o voto emigrante nas próximas eleccións galegas seguirá exposto a irregularidades e fraudes similares ás denunciadas en comicios anteriores.
"Este tema, se é algo, é non urxente", afirmou Meritxell Batet, voceira do PSOE este martes no Congreso cando se debatía ao respecto do voto na emigración. Fronte ao desconcerto do resto de grupos, a representante socialista dixo considerar "puro oportunismo político" o debate e cualificou de "electoralista" a posición do resto de formacións políticas. Finalmente, expresou que os socialistas votarían a prol da comparecencia da vicepresidenta do goberno español para dar a entender que o executivo estatal "non ten ningún problema" en falar desta cuestión.
Deste xeito, saía adiante na Deputación Permanente do Congreso, o órgano que substitúe o pleno neste período non ordinario de sesións, a petición de comparecencia presentada polo BNG, co apoio dos deputados de PP e PNV. Estes grupos pediran que a vicepresidenta do goberno español, María Teresa Fernández De la Vega, acuda á Cámara baixa para responder sobre a reforma da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral, a LOREG. Logo de que De la Vega rexistrase a súa comparecencia a petición propia sobre este tema na Comisión Constitucional, os deputados socialistas votaron a favor da iniciativa.
Con todo, desde o BNG referíanse ao mal agoiro co que se chegará a ese debate o próximo 29 de xullo despois da posición exposta este martes pola voceira do PSOE ao respecto deste tema. Ao respecto, o voceiro do Bloque no Congreso, Francisco Jorquera, recordaba a iniciativa aprobada por unanimidade no Parlamento para que os emigrantes voten en urna, e censuraba a posición mantida agora no Congreso polo PSOE na inercia da realidade de que "o voto CERA tal cal está sempre beneficiou ao partido no poder en Madrid".
De xeito parecido, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, pediu o compromiso do goberno español para "respectar a vontade do Parlamento galego" e pediulles aos socialistas que "non caian no dobre xogo de aprobar unha cousa en Santiago e rexeitala en Madrid, porque non sería a primeira vez".