Segundo o líder do PPdeG, a Galiza interésalle que o Estado español sexa "unha soa nación forte e solidaria".
"A nación non só é un concepto político, tamén o é económico", reflexionou este martes o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo. Na súa opinión, a publicación das balanzas fiscais pon de manifesto que "España non pode ser un conxunto de nacións insolidarias", polo que o seu partido se reafirmaría na defensa de que o Estado sexa "unha única nación" baseada na solidariedade interterritorial.
De paso, Feijoo advertiu tamén de que o estudo das balanzas fiscais "pode levar a dez resultados diferentes segundo se apliquen dez métodos distintos para o seu cálculo". Entende o líder do PP galego que estes datos "non poden ser xustificación para que algunhas comunidades autónomas queiran levar un pedazo máis grande do que é de todos". "Nós somos dos partidos que pensamos que o que é de Galiza é de Cataluña e ao revés", engadiu.