Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Estudo

"A correcta oferta de parques empresariais é un dos eixos de desenvolvemento do país"

Xavier Vence, catedrático de Economía Aplicada da USC, considera que cómpre "máis solo industrial en lugares estratéxicos e con servizos de calidade"

Redacción - 10:00 20/07/2008
Xavier Vence

Xavier Vence

O catedrático de Economía Aplicada da USC, Xavier Vence, aborda nun estudo recentemente publicado as necesidades empresariais de solo produtivo no noso país. "Na actualidade, en Galiza demándanse máis solo industrial en lugares estratéxicos e con dotacións e servizos de calidade", afirma.

A investigación, realizada para orientar a política do Instituto da Vivenda e Solo, considera que unha oferta de calidade resulta "un factor clave" para favorecer o desenvolvemento de actividades produtivas industriais e de servizos. Para isto cómpren localizacións que teñan en conta as demandas reais das empresas e nunha cantidade que anticipe esas necesidades cunha marxe de dous anos, afirma o estudo.

Ao non existir análises previas neste senso, a política de creación de solo respondía a outro tipo de parámetros "pouco obxectivábeis e sometidos a presións localistas", afirma Vence. O estudo, engade, puxo de relevo que a política de creación de solo no pasado non respondía ás necesidades das empresas, con polígonos "demasiado pequenos, illados, sen infraestruturas e de baixa calidade", instalados nos concellos que os solicitaban.

Desequilibrio territorial

Xa que logo, conclúe Vence, a correcta oferta de parques e polígonos empresariais permite unha mellor ordenación do territorio, e "é un dos eixos de desenvolvemento do país". A creación de solo produtivo depende do auxe económico pero tamén é certo que "unha boa oferta traerá novas empresas", matiza.

A investigación tamén se centra no desequilibrio territorial que podería supoñer unha concentración excesiva no eixo atlántico na vindeira década, dado que as empresas tenden a situarse perto doutras áreas relativamente industrializadas. Neste senso, valora positivamente a creación de polígonos grandes e de calidade no interior do país, tal como o do Barco de Valdeorras e o do Val da Rabeda.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: