As pesquisas feitas até o de agora subestimaron os perigos da desaparición para a fauna e a flora.
Capa da revista Nature na que se publica o estudo
Segundo un estudo publicado na revista Nature, algunhas especies de seres vivos están expostas a un risco de extinción claramente superior do que até hoxe se pensaba. Segundo afirma o profesor da Universidade do Colorado (EUA), Brett Melbourne, autor do texto, "As poboacións bastante grandes, consideradas anteriormente como relativamente protexidas da extinción, poden estar en perigo".
16 mil especies en vías de extinción
Este é o número que dá a Unión Mundial para a Natureza (IUCN): un de cada catro mamíferos, unha ave de cada oito e un terzo dos anfibios están na listaxe vermella desta organización, é dicir, son os que máis risco corren de desaparecer.
Mais segundo este estudo, os modelos que serven para estabelecer esta clasificación non chegan, porque non consideran dous tipos de riscos: o primeiro, o da morte dalgúns individuos dunha especie rara, que pode pór en perigo a súa supervivencia (como algunhas especies de baleas, que na actualidade teñen menos de 400 individuos); o segundo, as condicións ambientais que, como a deforestación ou as alteracións da temperatura ou das precipitacións (aquelas ligadas ás alteracións cimáticas), deben ser observadas.
Neste texto tamén se afirma que o número de machos e de femias que existen, así como as variacións das taxas de fecundidade e mortandade, tamén deben terse en conta.
A combinación de todos estes factores permite determinar se unha especie é capaz de sobrevivir a unha creba demográfica súbita, ou se existe un risco de extinción elevado.